A escritora ourensana Yolanda López ofreceu un recital poético na Casa de Galicia en Madrid, en torno ao poemario «Tántalo»
A escritora ourensana Yolanda López ofreceu hoxe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia un recital poético, de temática galega, en torno ao seu poemario «Tántalo», editado polo Conselo de Negreira e a Xunta de Galicia, que recibiu o Premio de poesía Manuel López Ardeiro.
Xunto a Yolanda López interviñeron no recital os escritores e críticos literarios Vicente Araguas e Manuel Pereira Valcárcel e o guitarrista Federico Leyva, que acompañou coa súa música as declamacións. Foron presentados polo coordinador de Actividades Culturais da Casa Ramón Jiménez.
Yolanda López valorou que o seu poemario ten un contido de crítica social, de interrelación da Literatura con outras manifestacións artísticas, de feminismo, galleguismo e ecoloxismo. Explicou tamén que o libro se remota a 2005 no que iniciou a publicación dunha serie de artigos para dous xornais galegos, cuxo contido poético apreciou anos despois, transformándoos en poemas. Referiuse así mesmo ao mito de Tántalo que encabeza a obra e no que ve unha metáfora de como o ser humano se pode ver privado do que ten ao seu alcance pola súa propia insensatez.
Pereira afirmou que o libro está «escrito con grande honestidade intelectual”, é amplo e profundo, un libro «de encontros» que «se nutre de moitas referencias culturais pero nunca lle falta corazón».
Araguas asegurou que Yolanda López é «unha boa poeta», que “traballa moito a lingua, tanto cando escribe en español coma cando o fai en galego, é moi minuciosa». Tamén se referiu ao mito de Tántalo, que dá nome ao poemario.