A Ribeira Sacra terá «o mellor museo de Antropoloxía de España», en palabras do antropólogo Manuel Mandianes
O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, recibiu hoxe a Olegario Sotelo Blanco, presidente da fundación que leva o seu nome, para falar de proxectos culturais directamente relacionados coa Ourensanía. Sotelo Blanco, acompañado do antropólogo Manuel Mandianes, e Manuel Baltar acordaron que a Deputación xestione o traslado do Museo de Antropoloxía de Galicia, que xestiona a fundación, para que se expoñan con carácter permanente na provincia de Ourense, un espazo expositivo que, en palabras do propio Manuel Mandianes «será o mellor museo de Antropoloxía de España».
Baltar agradeceu a Sotelo Blanco este ofrecemento e ambos viron conveniente que este museo se sitúe na Ribeira Sacra, territorio para o que a Deputación de Ourense está a traballar co obxectivo de que sexa declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco.
Baltar apuntou a posibilidade de Castro Caldelas, pois o goberno provincial xestiona coa Xunta de Galicia a cesión dos locais que albergaban as oficinas da sede comarcal. Técnicos da fundación e da Deputación avaliarán nos próximos días a idoneidade dese espazo para dedicalo a tal fin.
«Sen dúbida -dixo Manuel Baltar trala reunión celebrada hoxe no Pazo Provincial- o Museo de Antropoloxía en Ourense é unha gran noticia, pois Ourense historicamente destacou pola súa contribución á alma de Galicia e o peso dos seus costumes e tradicións relaciónase directamente co respecto obrigado que temos coa pegada dos nosos devanceiros e o legado que debemos deixar ás vindeiras xeracións».
Baltar e Sotelo Blanco abordaron tamén na reunión a posibilidade de poñer en marcha no futuro en Ourense o Museo Galego da Emigración. Manuel Baltar, que define a Ourense como un pobo «traballador, creativo e emigrante», asume este reto «como unha cuestión identitaria e un tributo á mellor xente de Ourense e Galicia, aos que foron capaces de construíren unha grande obra colectiva a milleiros de quilómetros do seu fogar».