A Casa de Galicia en Madrid acolle hoxe o encontro de oito universidades e centros de investigación europeas que traballan no proxecto BIOFOAMBARK
A delegación da Xunta en Madrid, (Casa de Galicia) acolle hoxe, durante toda a xornada, a terceira reunión anual do proxecto europeo BIOFOAMBARK, organizado polo Grupo de Enxeñaría Ambiental e Bioprocesos de la Universidad de Santiago de Compostela, coordinado pola Universidade de Friburgo (Alemaña) e no que participan oito universidades e centros de investigación europeos tales como Technical Research Center of Finland – VTT (Finlandia), Universidade de Ljublhana (Eslovenia), Universidade de Lorraine (Francia), Fraunhofer Institute of Solar Energy Systems (Alemaña), Nova-Institut GmbH (Alemaña), ademais da USC e a alemá de Friburgo.
O delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega recibiu e saudou a Mª Teresa Moreira Vilar, catedrática da Universidade de Santiago organizadora das xornadas, e ao resto dos integrantes do proxecto de investigación, pedíndolle que lles transmitise a disposición da Casa para colaborar co equipo «en canto estea ao noso alcance».
O proxecto -de tres anos de duración e financiado polo programa WoodWisdom-Net/ERA-NET Bioenergy da Unión Europea (2012-15)- ten como obxectivo desenvolver bioespumas de illamento a partir de taninos extraidos da codia de especies forestais de madeira branda dispoñibles nos bosques europeos (piñeiro, abeto…), co obxectivo de substituír nun futuro as escumas usadas hoxe en día e que derivan do petróleo. De acordo cos resultados alcanzados ata o momento, as bioespumas presentarían excelentes propiedades na súa aplicación como materiais de illamento no sector da construción. O proceso de formulación das bioespumas levaría consigo o uso de compostos tales como glicerol, furfural ou mesmo nanocelulosa que son obtidos como co-produtos ou produtos secundarios no proceso de produción do biodiésel e na industria papeleira.
O proxecto desenvolve tamén o proceso de valorización das bioespumas ao final do seu ciclo de vida en bioenerxía, mediante un proceso de gasificación (produción de gas de síntese) e posterior conversión en enerxía eléctrica e calirífica. Trátase dun proceso novidoso cunha alta eficiencia.
Finalmente, no proxecto determinarase o perfil ambiental asociado ao proceso produtivo das bioespumas e posterior valorización enerxética empregando a metodoloxía da Análise do Ciclo de Vida (ACV) así como realizarase a súa análise económica para demostrar a súa viabilidade ambiental e económica en relación ás escumas convencionais.
Para máis información: (www.usc.es/biogrup).