O Xulgado de Carballino acolle un curso de prevención de riscos laborais impartido por la EGAP
- A actividade, de 12 horas de duración, conta con 26 alumnos e foi solicitada a raíz dunha emerxencia vivida nas dependencias xudiciais hai meses
- O delegado territorial da Xunta en Ourense asistiu á apertura do curso e destacou a alta demanda rexistrada
O xulgado da localidade ourensá do Carballiño acolle un curso de prevención de riscos laborais impartido pola Escola Galega de Administración Pública e dirixido aos empregados públicos que prestan servizo en diferentes dependencias autonómicas emprazadas neste concello, concretamente nos xulgados, na oficina agraria comarcal e na oficina do Distrito Forestal XI.
Os funcionarios do xulgado carballiñés viviron hai uns meses unha emerxencia que levounos a reflexionar sobre a importancia da formación en prevención de riscos laborais para actuar correctamente en caso de accidente. Así decidiron solicitar á EGAP a convocatoria deste curso que finalmente ofertou 35 prazas para que puideran asistir empregados públicos adscritos a outros servizos.
O delegado territorial da Xunta de Galicia, Rogelio Martínez, acompañado pola xefa territorial da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Marisol Díaz, asistiu á apertura do curso e destacou a elevada demanda por parte dos empregados públicos deste tipo de cursos, polo que anunciou que se prevé a súa convocatoria en outras localidades da provincia ourensá que así o demanden. Martínez indicou que a formación en prevención de riscos no traballo, encamiñada á mellora do nivel de coñecemento técnico, constitúe unha das ferramentas máis axeitadas para implantar na sociedade unha auténtica cultura de prevención.
Os obxectivos desta actividade formativa, de 12 horas de duración e cun carácter teórico práctico, son proporcionar os coñecementos básicos de primeiros auxilios, extinción de incendios e evacuación aos 26 alumnos participantes.
Rogelio Martínez lembrou que con preto de 550 actividades formativas e divulgativas realizadas durante este ano a Escola Galega de Administración Pública “contribúe desde o ámbito formativo ao aumento da calidade dos servizos que a Administración presta á cidadanía e ao incremento da capacitación profesional dos empregados públicos”.