O Carballiño celebra a VII edición da Mostra de Teatro Amador Terras do Orcellón
A sala de xuntas do Pazo Provincial da Deputación de Ourense acolleu hoxe a presentación da VII Mostra de Teatro Amador Terras do Orcellón. O acto contou coa presenza do asesor de Cultura da Deputación de Ourense, César Fernández; o concelleiro de Cultura do Concello do Carballiño, Rodrigo González, e o responsable da mostra, José Prada Martínez.
Esta sétima edición da Mostra de Teatro Amador Terras de Orcellón, que se celebrará no Carballiño entre os días 2 e 30 de novembro, reúne a seis compañías referentes do teatro afeccionado galego, entre as que se atopa a compañía Tiruleque teatro do Carballiño. As representacións teatrais celebraranse no auditorio municipal do Carballiño os días 2, 9, 16, 23, 29 e 30 de novembro a partires das 19:00 horas, e o prezo da entrada é de 3 euros. Xunto coa compañía Tiruleque Teatro, que representará a obra Silicon Valey o 29 de novembro, nesta edición participarán tamén ás compañías: Asociación Teatral Paso de Valverde, Teatro de Cámara Ditea, O Aturuxo de Melpómene, Delatoute producciones e Trécola.
César Fernández, destacou o compromiso da Deputación de Ourense coa cultura e nomeadamente co teatro xa que, grazas á liña de subvención dedicada a festivais, mostras ciclos ou actividades análogas, que este ano estaba dotada con 80.000 €, “puidéronse levar a cabo numerosos eventos que permitiron achegar as artes escénicas e musicais a diferentes puntos da provincia de Ourense”.