Benestar colabora con Ategal na organización de actividades para promover o envellecemento activo a 200 maiores en Ourense

DSC_0474

 

A Consellería de Traballo e Benestar está a colaborar coa Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Adultos (Ategal) para promover actividades nas que poidan participar os maiores galegos co fin de promover o envellecemento activo.  Así o destacou o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, na inauguración do curso 2014-15 das aulas da terceira idade na cidade das Burgas, que contan con máis de 200 persoas matriculadas. Martínez destacou que actuacións deste tipo promoven a participación e a inclusión social das persoas maiores, un dos obxectivos prioritarios da política social da Xunta de Galicia.

O delegado territorial lembrou que a Comisión Europea nomeou a Galicia o ano pasado como Rexión de Referencia do Envellecemento Activo polos avances acadados nesta materia. Neste eido do envellecemento activo, Rogelio Martínez fixo especial fincapé na importancia dos programas de educación senior e, neste ámbito, indicou que a Consellería leva apoiando desde 2009 medidas encamiñadas a acadar este obxectivo a través do Plan de Maiores, xa que asegurou que “a educación sénior fomenta as relacións e a solidariedade interxeracional”. En global, desde 2009, a Consellería de Traballo e Benestar ten destinado 155.000 euros a apoiar as actuacións que desenvolve a Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Adultos (Ategal).

“O noso obxectivo é garantir a protección dos dereitos dos maiores, impulsar a súa participación na sociedade e sentar as bases dun envellecemento activo, san, saudable e feliz”, apuntou o delegado territorial.

O acto contou tamén coa intervención do presidente de Ategal, Rafael Romero; a coordinadora das Aulas en Ourense, Marisa Justa; un profesor que leva desde os inicios impartindo clases nas aulas ourensás, Manuel Araújo, e unha alumna, Conchita Rodríguez de León, que leva 25 anos -desde a súa creación- asistindo ás diferentes actividades organizadas por Ategal en Ourense.

También te podría gustar...