Galicia e outras comunidades autónomas acordan coordinarse a través de Turespaña para a promoción internacional do Camiño
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, reuniuse hoxe coa directora xeral de Turespaña, Marta Blanco e os directores xerais de Turismo de Asturias, La Rioja, Cantabria e Navarra co obxectivo de trazar a estratexia de promoción internacional do Camiño de Santiago para o próximo ano 2015.
Durante a reunión, a directora xeral de Turespaña, Marta Blanco, fixo unha valoración da promoción do Camiño de Santiago realizada a nivel internacional dende 2010 a este ano destacando as 255 actividades realizadas e o medio millón de euros invertidos. Segundo explicou, o groso de ditas accións, concretamente o 30%, foron dirixidas ao público final. En canto os principais mercados emisores de promoción durante este período de tempo, afirmou que foron Europa, Alemaña, Países Nórdicos, Italia. Así mesmo, sinalou que en 2014, no que vai de ano, leváronse xa a cabo 39 acciones de promoción faltando por executar outras 38.
En canto a estratexia de promoción para o próximo ano, os representantes das comunidades autónomas acordaron colaborar con Turespaña co envío de propostas tanto de mercados prioritarios como de actividades e eventos concretos co obxectivo de programar accións coordinadas para lograr así un maior impacto.
Tanto en Galicia como nas outras comunidades atravesadas pola Ruta Xacobea o Camiño é un factor estratéxico de desenvolvemento económico a través da xeración de gran volume de negocio e tamén a través da súa capacidade de activación de zonas con limitadas alternativas económicas, contribuíndo ao tempo ao reequilibrio territorial.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, abordou durante a reunión as diferentes accións de promoción do Camiño que se levan a cabo a través da Administración Turística galega. Neste senso, afirmou que “en Galicia o Camiño está presente en cada unha das acción promocionais xa que é a carta de presentación de Galicia e así evidencia o claim da nosa campaña turística: Galicia, o bo camiño’”.