O 112 leva rexistradas preto de 400 incidencias relacionadas co temporal de choiva que afecta a Galicia

10682659_312072055647755_1026834522_oO Centro de Atención ás Emerxencias (CAE) 112 Galicia xestionou entre as 5,00 e as 18,00 horas de hoxe un total de 379 incidencias a causa do temporal de choiva que está a afectar a Galicia e que no interior da provincia de Pontevedra acadou o nivel de alerta vermello durante esta tarde.

Así se desprende dun informe do centro de emerxencias galego, no que se explica que nese período atendéronse 2.158 chamadas e se xestionaron 651 incidencias, o 58 por cento delas (379) relacionadas co episodio de meteoroloxía adverso. O maior número de chamadas rexistráronse en torno ás 11,00, as 13,00 e as 16,00 horas.

A provincia máis afectada foi a de Pontevedra, con 324 incidencias -o 85 por cento do total- e os concellos con maior número de incidentes foron Vigo, Pontevedra, Moaña, Nigrán, Redondela, Mos, O Porriño, Oia e Cangas.

Ademais, en Ourense atendéronse 27 incidencias, na Coruña 15 e en Lugo outras 13. Por tipoloxías, a maior parte das intervencións estiveron relacionadas con inundacións en rúas (95), caídas de árbores (60) e inundacións en vivendas (42) e estradas (31), entre outras.

No interior da provincia de Pontevedra os valores están a descender, pasando xa de alerta vermella a amarela. O mesmo ocorre na zona do Miño e Rías Baixas, en Pontevedra; o centro da provincia de Lugo; e o noroeste de Ourense, tamén en alerta amarela; quedando soamente en nivel laranxa por choiva a zona ourensá do Miño. Xa para mañá espérase un temporal de vento de nivel laranxa na costa oeste da provincia da Coruña, con ventos de forza 7-8 e ondas de 5 a 6 metros de altura.

Incidencias en colexios
No que atinxe aos centros educativos, na provincia de Pontevedra foi preciso evacuar o CEP de Sequelo-Marín, no concello de Marín, por mor do desbordamento do río que transcorre próximo ás súas instalacións. Así mesmo, foi necesario suspender as clases nas escolas de educación infantil (EEI) de Tremoedo (Vilanova de Arousa) e Samieira (Poio) debido ás inundacións causadas pola fortes choivas desta mañá.

Así mesmo, esta mañá a Comisión Escolar de Alertas aconsellou aos centros educativos manter un especial coidado e seguimento dos partes meteorolóxicos durante todo o período no que dure o adverso; e que no caso de que existisen circunstancias que o aconsellasen, os/as directores/as poderán adoptar as decisións oportunas respecto da suspensión da actividade docente.

Situación das estradas galegas
Desde a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestrutura informaron de que ao largo do día de hoxe se rexistrou un accidente, cunha vítima mortal, no punto quilométrico 2+900 da estrada VG-4.4, pero a circulación xa está restablecida. Ademais, produciuse un pequeno desprendemento na vía PO-551, no pk 15+700 sen afectar ao tráfico, así mesmo rexistráronse algunhas bolsas de auga nas estradas.

Por outra banda, cabe sinalar que houbo bastantes incidencias, sendo a provincia de Pontevedra a máis afectada con 20 incidencias nas últimas horas.

Hai dous cortes de calzada importantes, xa que non se pode circular, un na LU-125 e outro na PO-552.

Cortada desde a noite de onte a estrada LU-125, Bretoña (LU-122) – Lindín (LU-124), por un deslizamento de terras no PK 9+000. Procedeuse á sinalización da estrada cortada e da ruta alternativa. Non se poderá arranxar ata que mellore o tempo.

Cortada a PO-552, Vigo – Tui, no concello de Oia, por desprendemento de terras, no PK 30+500. Tentarase despexar para que estea libre o antes posible.

A OU-206 en Carballiño tamén estivo cortada por problemas nunha canalización de saneamento que desbordou.

Desde a Xunta de Galicia aconséllase que ante calquera dúbida se consulte a páxina web do Centro de Atención ás Emerxencias-112 Galicia (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica, recomendacións e con enlaces de interese.

 

También te podría gustar...