A Xunta informa aos alcaldes ourensáns das axudas do programa marco de mellora de camiños de titularidade municipal
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, e o director xeral de Desenvolvemento Rural, Antonio Crespo, mantiveron hoxe unha xuntanza cos alcaldes da provincia de Ourense para informarlles polo miúdo do contido do Plan Marco do programa de mellora de camiños de titularidade municipal 2014-2015 que proximamente sairá publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) e que prevé un investimento de preto de 6 millóns de euros (en concreto 5.728.947 euros) na totalidade dos concellos ourensáns. Destes fondos, un total de 2.702.135 euros corresponden á anualidade de 2014 e os 3.026.812 euros restantes á anualidade de 2015.
Realizar actuacións de ampliación, mellora e mantemento de camiños de titularidade municipal na provincia na procura de mellorar as condicións de vida dos residentes nas áreas rurais é o obxectivo desta iniciativa. Martínez e Crespo subliñaron que estas actuacións contribuirán a pór en valor as dotacións existentes de infraestruturas básicas, e levar a cabo actuacións dirixidas a fomentar a implantación e mellora dos servizos básicos demandados pola poboación rural.
Na reunión, que serviu para solventar as dúbidas sobre a tramitación destas axudas, tamén participaron xefe territorial de Medio Rural e do Mar, Yago Borrajo, e o xefe de Infraestruturas deste departamento autonómico, Enrique Alonso.
A dotación para financiar estas obras, da que se beneficiarán a totalidade dos concellos de Galicia, é de máis de 25,5 millóns de euros para a ampliación, mellora e mantemento de camiños de titularidade municipal. Esta contía supón un incremento de máis do 82% respecto da do Plan Marco 2013-2014, que foi de preto de 14 millóns de euros. No caso da provincia de Ourense este incremento cífrase arredor do 50%, xa que as subvencións concedidas ao abeiro deste mesmo programa na súa anterior convocatoria sumaron case 3 millóns de euros.
Este incremento permitirá atender proxectos que melloren un maior número de camiños, o que repercute nunha mellora das condicións de vida dos residentes nas áreas rurais, poñendo en valor as dotacións existentes de infraestruturas básicas.
O Plan Marco 2014-2015, impulsado pola Consellería do Medio Rural e do Mar, inclúe como novidade que unha parte importante da cofinanciación será aportada polas deputacións provinciais. Así a semana pasada, a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, e o presidente da Deputación Provincial de Ourense, José Manuel Baltar, asinaron o convenio de colaboración para financiar as actuacións deste programa, cofinanciado con fondos Feader no marco do PDR de Galicia 2014-2015.
A nova cofinanciación do Plan Marco distribuirase de xeito que o 75% irá con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), o MAGRAMA aportará un 12,13% dos fondos e a Xunta e as deputacións provinciais o 12,87% restante. Os concellos beneficiarios das achegas serán os encargados do pagamento do Imposto do Valor Engadido (IVE).