A Xunta concede máis de 580.000 euros a 42 concellos da provincia de Ourense para a promoción da igualdade

Axudas Igualdade concellos

 

Os concellos da provincia de Ourense van percibir este ano axudas da Secretaría Xeral da Igualdade por importe de 580.111  euros, para a posta en marcha de iniciativas en tres liñas de actuación: a promoción da igualdade entre homes e mulleres e prevención da violencia de xénero,  o fomento da conciliación e o apoio aos Centros de Información ás Mulleres. Estas axudas foron presentadas esta mañá en Ourense pola secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, nunha rolda de prensa na que estivo acompañada polo delegado territorial, Rogelio Martínez.

López Abella e Martínez destacaron que seguindo a senda establecida o pasado ano, a convocatoria deste ano reforza a prioridade dos proxectos de xestión compartida, o que significa incremento de puntuación e polo tanto, incremento de subvención para os concellos que presenten solicitudes conxuntas para a xestión desta orde de subvencións. A resolución destas axudas reflicte un importante avance no eido da cooperación e colaboración entre concellos e para a xestión compartida das actuacións e programas no eido da promoción da igualdade. Unha cooperación pola que a Xunta seguirá apostando, convencida de que “é o modelo a seguir para garantir unha atención eficaz e eficiente á cidadanía neste ámbito de actuación”.

Incremento de solicitudes conxuntas

Neste sentido, a secretaria xeral de Igualdade subliñou que na convocatoria deste ano en Ourense son máis as entidades locais que presentan unha solicitude conxunta. Este incremento reflíctese sobre todo no programa de apoio aos centros de información ás mulleres (CIMs). Así, este ano no ámbito dos 13 CIMs en funcionamento na provincia ourensá participan un total de 42 concellos, dos que 37 teñen unha xestión compartida deste servizo fronte a 5 que a teñen individualizada.

López Abella referiuse a que cinco concellos con este tipo de centros presentaron unha solicitude conxunta coa agrupación dun total de 20 concellos. Así, o concello do Carballiño presentou a súa solicitude agrupando con el aos concellos de San Amaro, Beariz, Boborás, San Cristovo de Cea, o Irixo, Maside, Piñor e Punxín. Pola súa banda o de Muíños presentou a solicitude incluíndo os concellos de Lobios e Bande; o concello de Avión agrupouse co de Melón; Verín comparte a xestión co concello de Vilardevós; e finalmente na petición do concello de Pobra de Trives inclúese os concellos de Manzaneda e San Xoán de Río. Tamén ofrecerán unha xestión compartida no ámbito dos CIMs tres mancomunidades.

Precisamente, das tres liñas de actuación establecidas, a relativa ao apoio aos CIMs é a de maior dotación, cunha contía que ascende na provincia a 440.761 euros, que se distribúen en 13 centros: Avión, O Barco, O Carballiño, Xinzo da Limia, Maceda, Muíños, Ourense, Pobra de Trives,  Verín, Viana do Bolo, Mancomunidade Terra de Celanova, Mancomunidade do Ribeiro e Mancomunidade Santa Águeda, e beneficia a un total de 42 concellos.  Estas subvencións destinaránse ao finaciamento dos custos de persoal, mantenemento e dinamización destes centros.

A segunda liña, por volume presupostario, é a de fomento da conciliación, con 90.927 euros, destinados ao financiamento de plans e actuacións de conciliación no ámbito local. Nesta liña son 12 os concellos que reciben subvención, pero exténdese a 20  concellos xa que 10 presentaron a solicitude individual, 2 concellos a presentaron conxunta e unha mancomunidade que engloba a 8 concellos.

A liña de medidas de promoción da igualdade entre homes e mulleres e de prevención e tratamento integral da violencia de xénero conta cun orzamento de 48.423 e ten coma obxecto o financiamento da elaboración e avaliación de Plans de Igualdade e de actuacións realizadas no seu desenvolvemento.  Nesta liña son 17 as entidades beneficiarias, pero que se extende a 35 concellos xa que 13 concellos presentaron a solicitude individual, 2 concellos a presentaron conxunta, e foron 3 as mancomunidades que engloban a 20 concellos.

Cómpre destacar que as entidades locais que reciben máis axudas son o concello de Verín,  o de Xinzo da Limia, o da capital da provincia, o Barco de Valdeorras, a Mancomunidade do Ribeiro -que agrupa os concellos de Arnoia, Beade, Cenlle, Cortegada e Leiro- e o concello de Muíños que presentou a súa solicitude agrupada xunto con Bande, Lobeira e Lobios.

Coa resolución desta axuda por importe de máis de 3,4 millóns de euros, a Secretaría Xeral da Igualdade pretende por en valor o papel relevante das entidades locais na difusión do valor da igualdade e transmitir a coordinación e colaboración existente entre a Administración autonómica e a Administración local, “xa que consideramos que as entidades locais son os axentes idóneos para desenvolver iniciativas tendentes a garantir a igualdade entre mulleres e homes, previr a violencia de xénero e favorecer as condicións de conciliación da vida persoal, familiar e laboral, por ser as administracións máis próximas á cidadanía e máis coñecedoras da situación específica dos seus veciños e veciñas” afirmou López Abella.

También te podría gustar...