Xesús Vázquez Abad reivindica a Carlos Casares como autor teatral na presentación en Ourense da estrea de ‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’
Xesús Vázquez Abad reivindica a Carlos Casares como autor teatral na presentación en Ourense da estrea de ‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’.
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, reivindicou a figura de Carlos Casares como autor teatral para público infantil e xuvenil durante a presentación hoxe no Teatro Principal de Ourense da estrea do espectáculo que o Centro Dramático Galego (CDG) realizou a partir da obra ‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’.
O escenario ourensán acollerá tanto a primeira función xeral desta produción de teatro musical para todos os públicos, o venres 3 de outubro ás 20.30 horas, como o inicio da súa campaña escolar con dous pases matinais mañá mércores día 1 e o xoves día 2, aos que asistirán 700 alumnos e profesores de 13 centros educativos de toda a provincia.
Obra excepcional
En palabras do conselleiro, a montaxe coa que a compañía pública inaugura a súa temporada 2014-15 contribúe “á actualización nas nosas memorias da xenialidade de Casares, galego insigne de talento polifacético”, recuperando unha parte da súa obra “se cadra menos coñecida, pero igualmente excepcional, que é a que asinou como autor de teatro para público infantil e xuvenil”. Trátase, ademais, da única peza teatral do escritor ourensán, unha das primeiras obras fantásticas da literatura galega para rapaces e rapazas e todo un referente da nosa dramaturxia infantil.
O titular de Cultura e Educación quixo acompañar hoxe ao equipo artístico de ‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’ –encabezado polo seu director escénico, o luso-brasileiro José Caldas– na presentación desta estrea, á que seguirán outras 38 funcións escolares e xerais en dez localidades galegas ata finais de ano. Asistiron tamén Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense; Olga Mojón, directora-xerente do Teatro Principal; Javier Casares, presidente da Fundación Carlos Casares; Jacobo Sutil, director da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais); e Manuel Guede Oliva, director do CDG.
Vázquez Abad dedicou unha mención especial aos seis actores e actrices que conforman o elenco de ‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’ –Alba Blanco Taín, Alberte Cabarcos, Davide González Lorenzo, Ailén Kendelman, Fran Lareu e Laura Villaverde– como “representantes, e modelo tamén, das novas xeracións de intérpretes totais que se están a formar e a abrir camiño en Galicia”.
Os seis foron seleccionados entre os máis de 80 aspirantes que participaron nun proceso de audicións públicas, durante o que tiñan que demostrar as súas calidades como actores, cantantes e músicos. Desde o principio, o elenco implicouse, así mesmo, na elaboración do blog aslaranxasmaislaranxasdetodasaslaranxas.wordpress.com, desde o que o público puido seguir día a día o progreso dos ensaios, ademais de ter acceso a todo o material promocional e didáctico arredor desta proposta do CDG.
Nova ollada