O presidente da Deputación interésase polas necesidades deportivas de Celanova
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, mantivo unha reunión co alcalde de Celanova, José Luis Ferro, e con membros do seu equipo de goberno para coñecer as necesidades deportivas da vila celanovesa, entre as que figuran o tema do campo de fútbol.
Baltar e Ferro reuníronse na Casa do Concello para analizar diversas cuestións referidas ás infraestruturas deportivas de Celanova e posteriormente trasladáronse ao pavillón da Triguerizas para visitar estas instalacións, unha obra que ven a complementar a oferta de servizos deportivos da vila celanovesa.
O presidente provincial, que foi informado dos proxectos e necesidades que en materia deportiva ten a vila de San Rosendo, afirmou que a aposta polo deporte é unha máxima da Deputación de Ourense que, ano tras ano, ven colaborando para que deportistas, clubs, instalacións e eventos poidan levar a cabo os seus proxectos «o que significa apostar por actividades saudables que fomentan valores positivos, especialmente nos máis novos».