Benestar inviste 150.000 euros no convenio con Cruz Vermella para prestar unha atención integral ás persoas sen teito
A Consellería de Traballo e Benestar e Cruz Vermella veñen de renovar o convenio de colaboración que manteñen para o programa “Sen Teito”, que xestiona esta entidade e que conta cunha achega do departamento autonómico de 150.000 euros para este ano. En total, esta iniciativa atendeu a preto de 1.4000 persoas en toda Galicia durante o anterior exercicio.
Esta colaboración, que se vén levando a cabo desde 2002, ten como obxectivo mellorar a situación das persoas sen fogar, desde unha perspectiva de atención integral, así como ofrecerlles unha atención coordinada das administración e entidades que permita atender as súas necesidades.
Máis en concreto, o convenio promove a posta en marcha dunha serie de actuacións que teñen como obxectivo mellorar a situación social e sanitaria das persoas que viven na rúa ou en infravivendas.
Esta atención préstase a través dunha rede de equipo de intervención na rúa, situados na Coruña, Santiago de Compostela, Ourense, Lugo, Pontevedra e Vigo, que desenvolve o seu labor de xeito coordinado coa rede de recursos de atención ao colectivo: albergues, comedores sociais, e servizos sociais.
Estes equipos locais de intervención inciden nas seguintes áreas de traballo: información, asesoramento, acompañamento individualizado, formación, promoción da saúde, aproveitamento positivo do ocio e do tempo de lecer, sensibilización social, e fortalecemento da rede de traballo de coordinación entre as entidades e as institucións.