O Centro de investigación de viticultura e enoloxía de Galicia acada por primeira vez a acreditación da ENAC
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, visitaron hoxe o Centro de Investigación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, EVEGA, que recentemente acadou a acreditación internacional da ENAC como centro punteiro para a realización de ensaios de produtos agroalimentarios.
A importancia desta acreditación radica en que se trata dunha ferramenta establecida a nivel internacional para xerar confianza sobre a actuación de determinados organismos como laboratorios de ensaio, entidades de inspección ou verificadores ambientais, entre outros. O centro da EVEGA, dependente da Consellería do Medio Rural e do Mar, consigue por primeira vez esta acreditación despois dun longo ano de implementación do seu sistema de calidade, o que constitúe o aval máis importante a súa forma de traballar.
Durante a visita as súas instalacións, a titular de Medio Rural e Mar destacou que aínda que o laboratorio xa contaba con recoñecemento oficial a nivel autonómico, estatal e europeo adquire agora unha acreditación a nivel internacional. De igual modo, a conselleira sinalou que este recoñecemento non só reforza o traballo que leva a cabo o centro para dar solución aos problemas reais que plantexa o sector vitivinícola galego senón que tamén lle outorga prestixio a un laboratorio que xa de por si é unha referencia para o sector.
Trátase dun centro con experiencia en distintos ámbitos e que ao longo deste ano ten desenvolvido numerosas accións a nivel formativo e tamén no eido da investigación, tal e como subliñou Rosa Quintana. O laboratorio ten unha liña de estudo e caracterización xenética de especies e cepas de lévedos, levou a cabo dous proxectos a nivel nacional e tres a nivel autonómico e todo iso sen descoidar os aspectos formativos, xa que durante o ano 2014 foi quen de ampliar a súa oferta con novos cursos e xornadas técnicas.
Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia
O EVEGA é un Centro de Investigación da Xunta de Galicia, situado no Concello de Leiro (Ourense), que entrou en funcionamento no ano 1987, asumindo como misión esencial impulsar o desenvolvemento tecnolóxico do sector vitivinícola galego a través da investigación aplicada, asesoramento a viticultores e embotelladores e a realización de actividades formativas a todos os niveis. Ten como obxectivo optimizar a produción vinícola a través da investigación e da experimentación.
A estación está dividida en tres departamentos e conta cunhas instalacións punteiras dotadas de tres laboratorios de análise, unha adega experimental con capacidade para 20.000 litros, un invernadoiro climatizado, unha nave para a destilación de augardente e unha finca experimental anexa de catro hectáreas. Nos seus laboratorios ademais de analizarse os viños producidos nas diferentes denominacións de orixe, investíganse os parámetros analíticos e biolóxicos que poden achegar elementos diferenciadores a estes , como os compoñentes aromáticos ou os parámetros de cor.