A Consellería de Cultura e Educación e a Fundación Coren convocan preto de 3.000 prazas nun novidoso programa de actividades e visitas didácticas no marco do Eduemprende

Fundación CorenA Consellería de Cultura e Educación e a Fundación Coren convocan preto de 3.000 prazas nun novidoso programa de actividades e visitas didácticas no marco do Eduemprende.

Hoxe publica a Xunta, que dende a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Fundación Coren veñen de abrir a convocatoria de preto de 3.000 prazas nun novidoso programa de actividade e visitas didácticas ás instalacións da compañía, co fin de promover entre os máis novos o emprendedurismo, así como a potenciación das linguas estranxeiras, cunha actividade desenvolvida totalmente en inglés. O prazo de solicitude para os centros sostidos con fondos públicos que desexen participar nesta iniciativa estará aberto ata o vindeiro 30 de setembro, e a mesma poderá realizarse enviando un correo electrónico a fpplus@edu.xunta.es.

Ao abeiro desta iniciativa desenvolveranse 4 programas diferentes, dous deles – ‘Agroeduca’ e ‘Agroemprende’- cunha duración de 1 xornada e os outros dous – ‘Ecogranxa’ e ‘Eco Farma Kids’ cunha duración de 5 xornadas.

Estas actuacións enmárcanse no Plan Eduemprende, que constitúe o marco de fomento do espírito emprendedor no sistema educativo de Galicia e establece a estratexia de fomento da cultura emprendedora neste eido. O plan é liderado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e conta coa colaboración e o apoio da Consellería de Economía e Industria.

Agroeduca e Agroemprende

O programa ‘Agroeduca’ vai dirixido ao alumnado de infantil, primaria e 1º de ESO e desenvolverase nas instalacións da Agroescola da Fundación Coren, incluíndo unha visita opcional á granxa de porcino da empresa. Os participantes crearán unha cooperativa agrícola e gandeira, na que realizarán tarefas de incubación de poliños, xerminación de plantas na horta ou no invernadoiro, e de coidado de animais – pitos, coellos, porcos ou ovellas-.

Nestas mesmas instalacións desenvolverase o programa ‘Agroemprende’, dirixido ao alumnado de 2º, 3º e 4º de ESO e de FP de grao medio. Neste caso os estudantes coñecerán a historia do cooperativismo e da propia Cooperativa Coren antes de participaren eles mesmos na creación dunha cooperativa gandeira, identificando as necesidade da contorna e ideando un plan de negocio. Entre as tarefas que terán que desenvolver atópanse o control de gastos e beneficios, o coidado da calidade dos produtos e do medioambiente ou a prevención de riscos, entre outras.

En ambos os casos actividades completaranse, así mesmo, cunha visita ao Museo do Cooperativismo da fundación.

Ecogranxa e Eco Farma Kids

Xa cunha duración de 5 xornadas, ‘Ecogranxa’ consistirá na creación de dúas cooperativas produtivas, unha agraria e unha gandeira. Para iso traballaranse as temáticas transversais de medioambiente, benestar animal, traballo cooperativo, creatividade, esforzo na consecución dos resultados, igualdade e integración; e completarase a actividade cunha visita didáctica ás granxas escola de porcino e avicultura da Fundación Coren para coñecer como é unha explotación gandeira real dende unha visión educativa.

Co mesmo contido, as actividades de ‘Eco Farma Kids’ realizaranse en inglés, para o que se priorizarán as solicitudes dos centros plurilingües. En ambos os casos os participantes serán alumnas e alumnos de Primaria e 1º de ESO, e o broche final será unha competición entre os diferentes grupos na creación dun gran mercado cooperativo que se levará a cabo dentro das instalacións duna feira real. Os beneficios obtidos doaranse a un proxecto medioambiental local.

 

También te podría gustar...