O PP do Barco destaca a importancia e a necesidade de realizar o dragado do Río Sil no tramo do Malecón barquense
- Moisés Blanco lembrou a existencia dun proxecto de dragado do Río Sil que contemplaba a retirada de acarreos do río nun tramo duns 340 mll, valorado nuns 100.000€
- O portavoz popular pídelle ao alcalde que volva a presentalo ante as administracións competentes para acadar a súa aprobación e a correspondente financiación.
O Portavoz do PP de O Barco, Moisés Blanco Paradelo, destacou “a verdadeira importancia que tería para O Barco poder realizar un dragado no Río Sil ao seu paso polo Malecón, e deste xeito, volver novamente a disfrutar do río tanto a nivel lúdico como deportivo”.
Blanco Paradelo lembrou que existe un proxecto de “Dragado do Río Sil para a zona do Malecón” que o propio Concello presentou en varias ocasións ante a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e a Xunta de Galicia, sendo denegado nos últimos instantes da tramitación.
O portavoz popular informou de que as obras de dragado que figuran no proxecto, que redactaron os técnicos municipais, propoñían a retirada de acarreos do río nun tramo duns 340 ml, cun espesor medio de 60 cm, o que supoñería que o volume total a extraer estaría en torno aos 18.300 m³.
Blanco Paradelo recordou que este proxecto, valorado nuns 100.000€, foi rexeitado por última vez en xuño de 2009, tras superar diversos informes das administracións competentes. Por iso, insiste na “importancia de que se volva a presentar” e pídelle ao alcalde de O Barco que “o proxecto sexa obxecto dun novo estudo para proceder a realizar as oportunas modificacións e que poida resultar finalmente aceptado”.
“Si outras cidades como Zaragoza ou León, por citar algúns exemplos, executaron importantes proxectos de dragado dos seus ríos O Barco tamén tería que poder facelo”, afirmou o portavoz popular.
Consciente das dificultades económicas do momento, Moisés Blanco “considera imprescindible a achega de todas as administracións”, e se finalmente o proxecto recibise o visto bo, avoga pola colaboración entre Concello, Xunta de Galicia, Deputación e a propia Confederación Hidrográfica para sufragar os 100.000€ do custo.