Madness, Delafé, Love of Lesbian e Eskizos, no Noroeste Pop Rock de Riazor
Os londineses Madness, os barceloneses Delafé e as Flores Azules e Love of Lesbian, ademais dos galegos Os Eskizos que regresan aos escenarios tras máis de 20 anos, encabezan o cartel do festival Noroeste Pop Rock, que se organizará os vindeiros 8 e 9 de agosto na praia coruñesa de Riazor.
A concelleira de Cultura, Ana Fernández, acompañada polo director do Coliseum, Javier Rodríguez, e o coordinador do Noroeste Pop Rock, Nonito Pereira, presentou hoxe o cartel do festival, que contará ademais con catro bandas saídas dun concurso ao que se presentaron 48 grupos galegos.
Trátase de La Senda de Afra, Misterioso Viaje a Holanda, Bourbon Queen e Ánima.
«Continuamos na mesma liña que comezou hai tres anos e que ten un obxectivo fundamental: devolver a identidade e o esplendor perdido ao Noroeste Pop Rock e posicionalo como unha cita ineludible para os amantes da música», destacou a edil de Cultura.
Para iso, esta cita musical contará co concerto dunha gran banda internacional, acompañada por grupos nacionais de gran calidade e catro abreconcertos, informa o consistorio nun comunicado.
As actuacións celebraranse o venres día 8 desde as 21.00 horas cos coruñeses La Senda de Afra e Misterioso viaje a Holanda, seguidos polos barceloneses Delafé e as Flores Azules, e Love of Lesbian.
O sábado día 9 será a quenda das bandas coruñesas Bourbon Queen, Ánima e Os Esquizos, e pecharán o festival os londineses Madness.
EFE