O Albergue Xuvenil de Vilar de Ordelles acolle a 35 nenos e nenas nun dos campamentos de verán que a Xunta organiza en Ourense
- O delegado territorial da Xunta, Rogelio Martínez, visitou hoxe aos participantes do campamento que se está a desenvolver na localidade de Esgos
- Durante sete días levaranse a cabo actividades culturais e de aventura na natureza
- Os concellos de Coles, Manzaneda, Muíños e a capital, tamén acollerán campamentos xuvenís
A campaña de verán organizada pola Consellería de Traballo e Benestar, oferta este ano na provincia de Ourense 805 prazas, 20 máis ca o anterior, repartidas entre campamentos e campos de traballo para que mozos e mozas de entre 9 e 30 anos participen en actividades de ocio e educación non formal.
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, destacou a aposta do Goberno galego na programación destas actividades que “contribúen a que os mozos e mozas empreguen o seu tempo libre realizando actividades de carácter lúdico, cultural e deportivo, nun entorno novo para moitos deles.” Martínez engadiu que as actividades que se levan a cabo nestes campamentos “axudan a que a mocidade coñeza outros territorios e viva novas e enriquecedoras experiencias”.
Aventura e cultura na natureza
Rogelio Martínez, acompañado polo xefe territorial de Traballo e Benestar, José Selas, visitou hoxe as instalacións do albergue xuvenil de “Vilar de Ordelles”, en Esgos, no que 35 nenos e nenas están a participar nun dos campamentos previstos na campaña de verán que organiza a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado na provincia ourensá.
Ao longo da súa estadía, os participantes -con idades comprendidas entre os 11 e os 14 anos- están a desenvolver actividades culturais e de aventura na natureza que inclúen obradoiros de reciclaxe, sendeirismo, contacontos e teatro, así como piscina, actividades de carácter deportivo ou veladas nocturnas de observación das estrelas.
Na provincia de Ourense, ademais de Esgos, os concellos de Coles, Manzaneda, Muíños e a capital, tamén acollen campamentos xuvenís organizados pola Xunta dentro da campaña de verán deste ano, que contan cunha oferta total de 640 prazas, fronte as 535 da pasada campaña.