Os reis viaxarán a Santiago para a ofrenda ao apóstolo do 25 de xullo
Os reis Filipe e Letizia viaxarán moi probablemente o 25 de xullo a Santiago de Compostela para cumprir coa tradición da ofrenda nacional ao apóstolo, patrón de España, en que estará moi presente o primeiro aniversario da traxedia ferroviaria de Angrois, que causou 80 mortos e 147 feridos.
Aínda que a Casa do Rei aínda non puido confirmar a presenza dos reis en Santiago de Compostela, xa que a súa axenda se pecha semanalmente, as institucións galegas dan por feito a presenza de Filipe VI e a raíña Letizia no que será a súa primeira viaxe oficial a Galicia como reis.
Coa ofrenda ao apóstolo na catedral, o monarca manterá unha tradición da Coroa que o seu pai, o rei Xoán Carlos, procurou respectar en todos os anos xubilares.
Hai un ano, os entón príncipes de Asturias estiveron o 25 de xullo Santiago para acompañar as vítimas e familiares dos falecidos no accidente do tren Alvia ocorrido a véspera na curva de Angrois, á entrada da cidade.
En lugar da ofrenda, na catedral de Santiago realizouse un multitudinario funeral polas vítimas da traxedia, un suceso que marcou por completo o Día de Galicia dese ano.
Ademais de don Filipe e dona Letizia, asistiron o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, o presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo e outras autoridades,
Os reis Xoán Carlos e Sofía viaxaron a Santiago no día seguinte, 26 de xullo, visitaron os feridos hospitalizados e tamén se reuniron coas familias.
A última vez que don Xoán Carlos presidiu a ofrenda ao apóstolo Santiago foi en 2010, cando pediu que se fomente todo o que une e fai máis fortes os españois e que fai de España a «gran familia unida, ao tempo que diversa e plural, da que nos sentimos orgullosos».
A Ofrenda Nacional ao Apóstolo Santiago é un costume que a Coroa mantén desde 1643 e que o rei fai en nome do país nos anos xacobeos.
Nos demais anos encárganse de a facer outras autoridades, e mesmo outros membros da familia real, como ocorreu en 2002 coa infanta Cristina.
O alcalde Xose Sánchez Bugallo actuou como delegado do monarca en 2001, 2005 e 2008, o presidente do Parlamento autonómico José María García Leira fíxoo en 2003 e o presidente autonómico Emilio Pérez Touriño, en 2006.
A presidenta do Parlamento, Dolores Villarino, ocupouse da ofrenda en 2007, en 2009 o presidente Alberto Núñez Feijóo e en 2011 encargouse a presidenta da Cámara autonómica, Pilar Rojo, en tanto que ao ano seguinte lle correspondeu exercer como delegado do monarca ao entón alcalde compostelán, Ángel Currás.
A lectura da ofrenda, no vindeiro 25 de xullo, por parte de Filipe VI, permitiralle continuar cun costume secular que implantou o capitán xeral de Galicia en nome de Filipe IV. EFE