O PP rexeita duplicar o investimento en conservación de estradas en Galicia
O PP opúxose hoxe na Comisión de Fomento do Senado a unha moción do grupo socialista en que pedía impulsar o investimento en conservación de estradas en Galicia e duplicar en 2015 a partida dos Orzamentos Xerais do Estado destinada para tal fin.
O PSOE presentou esta moción, defendida por Paula Fernández, co convencemento de que Galicia necesita un verdadeiro plan integral de conservación de estradas despois de tres anos de recortes de investimentos.
Esa redución tradúcese, a xuízo de Fernández, en perda de competitividade para a economía galega, en prexuízos económicos para os usuarios e en riscos para a saúde.
A senadora socialista cifrou en 6.200 millóns de euros o déficit que ten España en materia de conservación da rede viaria e lembrou que, nese contexto, Galicia encóntrase entre as comunidades cun nivel inferior á media segundo a Asociación Española de Estradas.
Tamén indicou que a situación da sinalización é moi deficiente, polo que reclamou un investimento urxente para acabar cunha situación sen precedentes que non ten visos de cambio, porque nos cinco primeiros meses do ano só se investiron 6,7 millóns de euros.
A senadora do PP María del Carmen Leyte ofreceulle ao PSOE un texto alternativo en que se pedía ao Goberno manter os seus investimentos en conservación de estradas de acordo coas necesidades e en función da dispoñibilidade orzamentaria.
O texto non convenceu o PSOE, polo que o PP votou en contra da moción, convencido, segundo Leyte, de que en 2015 o investimento na conservación da rede viaria será maior de acordo coa recuperación da economía española.
O PP tamén se opuxo na Comisión de Fomento a unha moción do PSOE que lle pedía ao Goberno a transferencia da titularidade da estrada de peaxe AP-53 á Xunta de Galicia para que esta poida aplicar descontos nas peaxes.
Segundo a socialista Paula Fernández, esa vía de comunicación presenta unha das peaxes «máis caras do Estado «o que obriga os galegos a utilizar vías secundarias «en precarias condicións e que alongan os traxectos».
Ademais, lembrou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, comprometeuse nas eleccións de 2009 a reclamar a titularidade da vía, que actualmente pertence á sociedade Autoestrada Central Galega, e pediu que non se quede «nunha promesa para sacar rédito electoral».
Fernández rexeitou o argumento do Ministerio de Fomento para non transferir a titularidade -a intención do Estado de recuperar mediante créditos participativos unha achega inicial de 60 millóns de euros- porque, explicou, xa se superou o número de vehículos diarios a partir do cal a empresa concesionaria tería que devolver a achega do Goberno.
O PP rexeitou a moción porque, como asegurou María del Carmen Leyte, Fomento está mantendo desde hai tempo conversacións coa Xunta sobre o traspaso da titularidade.
Leyte admitiu que, aínda que se trata dunha «vía fundamental» para a mobilidade dos galegos, os compromisos coa empresa concesionaria «fan moi complicado» que se poida cambiar a titularidade da estrada que une Santiago de Compostela e Ourense.
EFE