O Incio: un paso máis na aprobación definitiva do PXOM

  • O Concello do Incio dá un paso máis na aprobación definitiva do PXOM
  • O Goberno local remite á Xunta, tras a súa aprobación no Pleno, a documentación precisa para que proceda á aprobación final do documento

 

O Concello do Incio deulle onte o visto bo nunha sesión de Pleno extraordinaria á terceira aprobación provisional do PXOM. A proposta foi aprobada por unanimidade. O Goberno local fixo a segunda aprobación provisional a finais do ano pasado, e unha vez enviada á Xunta, desde o Goberno autonómico requiriron novas informes sectoriais como paso previo á súa aprobación definitiva.

Unha vez obtidos os informes dos correspondentes organismos, e realizadas as modificacións menores que indicaban, procedía unha terceira aprobación provisional polo Pleno, como paso previo antes de remitir de novo o PXOM á Xunta para que o Goberno autonómico poida pronunciarse sobre a aprobación definitiva do documento.

Así, o Concello do Incio, incorporados os informes pendentes ao expediente administrativo e solucionadas as deficiencias técnicas que apareceron froito destes novos informes, informado favorablemente polo técnico municipal en data 5 de decembro de 2022, procedeu hoxe a unha nova aprobación provisional para a súa posterior remisión á Dirección Xeral do Territorio e Urbanismo para que resolva, se procede, sobre a aprobación definitiva.

Fase de alegacións

Durante o trámite de información pública, foron presentadas 132 alegacións por parte de persoas interesadas, que foron resoltas polo Pleno da Corporación Local en data 12 de maio de 2017, resultando aceptadas na súa integridade 61 (46.21%), parcialmente aceptadas 42 (31,82%) e rexeitadas 29 (21,97%).

Un paso importante froito do compromiso cos veciños

O alcalde do Incio, Héctor Corujo, amosa a súa satisfacción ante este “paso importante” para a aprobación do plan e recorda que un dos compromisos cos veciños e veciñas era facer todo o traballo preciso para ter o documento aprobado neste mandato”.

O rexedor recorda que a revisión comezou a tramitarse hai máis dunha década para reducir o solo urbano e, en consecuencia, rebaixar as cantidades que os veciños e veciñas deben pagar en concepto de IBI.

También te podría gustar...