Celebración dos 40 anos da primeira viñeta do Carrabouxo
- A Deputación únese á celebración dos 40 anos da publicación da primeira viñeta do Carrabouxo no diario La Región
- Manuel Baltar reuniuse co debuxante Xosé Lois González e o director do xornal, Xosé Pastoriza, para abordar a implicación do goberno provincial nesta efeméride: “Esta é a homenaxe de Ourense á traxectoria, compromiso e visión da sociedade ourensá do Carrabouxo ao longo de catro décadas”
- Baltar anunciou que o Pazo Provincial acollerá desde o 16 de decembro unha exposición ao redor desta figura cunha escolma elaborada polo propio autor: unha obra por cada ano do Carrabouxo máis unha selección da súa produción ao marxe da icónica viñeta diaria
- Xosé Lois González, agradecido pola implicación da Deputación neste aniversario, expresou a súa satisfacción “por celebrar este éxito cunha data redonda”
A Deputación de Ourense únese á celebración dos 40 anos da publicación da primeira viñeta do Carrabouxo, figura imprescindible da banda deseñada galega que o seu autor, Xosé Lois González, publica de xeito diario en La Región desde o 10 de novembro de 1982. O presidente da Deputación, Manuel Baltar, reuniuse no Pazo Provincial con Xosé Lois González e o director do xornal, Xosé Pastoriza, para abordar a implicación do goberno provincial nesta efeméride, xa avanzada polo presidente no Debate sobre o estado da provincia do pasado 8 de novembro.
“Non podía ser doutro xeito”, afirmou Manuel Baltar á hora de valorar o apoio da Deputación a un aniversario que definiu como “a homenaxe de Ourense á traxectoria, compromiso e visión da sociedade ourensá, debuxada ao longo destas catro décadas por O Carrabouxo”. Un emblema propio, engadiu Baltar, “símbolo da nosa cultura e unha celebración que nos permitirá seguir gozando dunha visión universal de Ourense”.
Nesta liña Manuel Baltar anunciou que o goberno provincial promoverá unha exposición ao redor dos 40 anos desta figura cunha escolma das mellores obras, “pero non só do Carrabouxo, senón tamén doutros aspectos da produción plástica de Xosé Lois”. A mostra, adiantou Baltar, abrirá as súas portas o día 16 de decembro e poderá visitarse no Pazo Provincial, onde as obras seleccionadas polo propio autor -unha por cada ano de publicación do Carrabouxo máis unha escolma da súa produción ao marxe da icónica figura diaria- distribuiranse entre o primeiro e o segundo andar.
Xosé Lois González “O Carrabouxo” asegurou pola súa banda que celebrar estes 40 anos “é unha marabilla”. Un aniversario, lembrou, “que chega cando se cumpren dúas décadas da instalación da estatua do Carrabouxo”. O debuxante e artista, agradecido pola implicación da Deputación de Ourense nesta efeméride, expresou a súa satisfacción
por celebrar este éxito cunha data redonda.