Alumnos e alumnas do CPR Ferroviario simularon un Pleno
O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, recibiu onte na Casa do Concello a alumnos e alumnas Colexio CPR Ferroviario, que acudiron á Casa Consistorial para simular unha sesión plenaria, no Salón de Plenos do Concello.
Acompañados por varios profesores e profesoras, así como a directora do centro educativo, Enyd Fernández, os máis de 60 alumnos e alumnas deste colexio monfortino foron recibidos polo Alcalde no Salón de Plenos.
Neste senso, o obxectivo da visita foi o de representar a celebración dunha sesión plenaria, co gallo do Día da Constitución Española. Neste senso, os alumnos e alumnas prepararon previamente dita sesión, simulando a existencia de 4 partidos imaxinarios, dotados dos correspondentes voceiros e voceiras.
Unha alumna do centro foi a encargada de exercer funcións de Alcaldesa, e tamén houbo outra alumna que fixo o papel de Secretaria.
Deste xeito, tiveron lugar propostas relacionadas con Monforte, intervencións dos grupos da oposición, quendas de debate reguladas polo cronómetro oficial, e votacións ás propostas presentadas. Tamén houbo tempo para rogos e preguntas.
Tras a celebración desta sesión plenaria especial, os alumnos e alumnas aproveitaron para falar co Alcalde e facerlle todo tipo de preguntas relacionadas co funcionamento do Concello, coas últimas obras desenvoltas polo Equipo de Goberno, como a pista de Skate ou a Zona C.
Os estudantes tamén aproveitaron a ocasión para preguntarlle ó Alcalde sobre como desenvolve o seu día a día á fronte do Concello ou sobre os proxectos nos que está traballando o Equipo de Goberno. O Alcalde, tamén lles explicou a condición de cidade condal que posúe Monforte, e outros fitos históricos como a chegada do tren a Galicia pola urbe monfortina.