Polo de Emprendemento e Apoio ó Emprego-Lugo Sur
- O Alcalde destaca o apoio do Concello de Monforte e da Deputación de Lugo ó sector empresarial e ó espírito emprendedor
- José Tomé Roca, inaugurou, xunto coa Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, o novo “Polo de Emprendemento e Apoio ó Emprego-Lugo Sur” que está ubicado nas instalacións da Estación de Autobuses de Monforte, e que forma parte da rede de 12 polos que irá instalando en diferentes zonas socioeconómicas de Galicia
- Na súa intervención, o rexedor monfortino salientou que “o apoio ó emprendemento é unha das liñas de traballo que eu como Alcalde e o meu Equipo de Goberno, levamos desenvolvendo dende hai máis de 7 anos”
- José Tomé destacou o apoio firme e decidido tanto do Concello de Monforte como da Deputación ó sector empresarial e ó espírito emprendedor. ”Tanto na Deputación de Lugo, como no Concello de Monforte temos isto moi claro. Consideramos que un dos mellores investimentos que pode facer unha Administración pública é investir no talento das persoas e investir no fortalecemento, na diversificación e na competitividade do noso tecido empresarial”
- Tamén o rexedor monfortino recordou o traballo de dinamización e desenvolvemento que o Concello ten levado a cabo nos últimos anos no Polígono Industrial do Reboredo, “un polígono no que hai uns anos ninguén cría, do que ninguén falaba, e que dende o Concello decidimos potenciar, a través dun intenso programa de promoción e dunhas melloras moi importantes. O tempo deunos a razón, e os resultados son evidentes. No polígono do Reboredo quedan só dúas parcelas por vender, e ante a demanda crecente de chan industrial é necesario amplialo, unha vía que xa temos en marcha”
O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, inaugurou onte, xunto coa Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana Somoza o novo “Polo de Emprendemento e Apoio ó Emprego-Lugo Sur” que está ubicado nas instalacións da Estación de Autobuses de Monforte, e que forma parte da rede de 12 polos que irá instalando en diferentes zonas socioeconómicas de Galicia. O acto de presentación deste Polo de Emprendemento levouse a cabo no Centro Cívico de Monforte.
Na súa intervención, o rexedor monfortino salientou que “o apoio ó emprendemento é unha das liñas de traballo que eu como Alcalde e o meu Equipo de Goberno, levamos desenvolvendo dende hai máis de 7 anos, porque potenciar o talento e a capacidade de emprendemento das empresas, é o que precisa Monforte, é o que precisa a Ribeira Sacra, é o que precisa a provincia de Lugo e é o que precisa Galicia para progresar”.
Neste senso, José Tomé avogou por desenvolver “políticas públicas axeitadas que permitan á nosa cidade, a nosa Ribeira Sacra, a provincia de Lugo e Galicia en xeral, desenvolver todo o seu potencial, pois son moi ricas en recursos”.
Por iso, destacou o apoio firme e decidido tanto do Concello de Monforte como da Deputación ó sector empresarial e ó espírito emprendedor. ”Tanto na Deputación de Lugo, como no Concello de Monforte temos isto moi claro. Consideramos que un dos mellores investimentos que pode facer unha Administración pública é investir no talento das persoas e investir no fortalecemento, na diversificación e na competitividade do noso tecido empresarial”. E recordou que Monforte está acreditado pola Xunta como concello emprendedor.
Permanente colaboración co tecido empresarial e co emprendemento
O Alcalde subliñou que tanto Concello como Deputación de Lugo, contan cunha liña permanente de colaboración co tecido empresarial.
“Apostamos polo emprendemento e polo valor engadido a través da transferencia de coñecemento ó tecido empresarial. De feito, a Deputación de Lugo é, a día de hoxe, a institución provincial de toda España que fai unha maior aportación económica á Universidade pública, en concreto á USC. Ademais, contamos coa súa colaboración para proxectos como o da Granxa Gayoso Castro, que é un auténtico motor para un sector estratéxico para a provincia, como é o sector primario”.
Por outra banda, o Equipo de Goberno do Concello ten en marcha o Programa de fomento da iniciativa empresarial, a través do cal se lle conceden axudas municipais ás empresas que xeren novos postos de traballo ou de autoemprego.
Estas axudas, súmanse á posta en marcha dende o Concello de diversos Obradoiros de Emprego, ó longo destes últimos anos, así como do programa Coworking Ribeira Sacra, que este ano alcanzou a súa 6ª edición, con gran éxito de participación, e do que saen cada ano novos proxectos de negocio.
O Polígono do Reboredo, polo de desenvolvemento empresarial
Tamén o rexedor monfortino recordou o traballo de dinamización e desenvolvemento que o Concello ten levado a cabo nos últimos anos no Polígono Industrial do Reboredo, “un polígono no que hai uns anos ninguén cría, do que ninguén falaba, e que dende o Concello decidimos potenciar, a través dun intenso programa de promoción e dunhas melloras moi importantes. O tempo deunos a razón, e os resultados son evidentes. No polígono do Reboredo quedan só dúas parcelas por vender, e ante a demanda crecente de chan industrial é necesario amplialo, unha vía que xa temos en marcha”.
Cabe recordar que hai uns meses, Concello e Xunta inauguraron neste polígono un Viveiro de Empresas municipal, destinado á implantación inicial e á consolidación de novas empresas relacionadas co sector industrial.
O Alcalde concluíu a súa intervención agradecendo a iniciativa da Consellería de ubicar en Monforte un destes 12 polos de emprendemento e apoio ó emprego, e desexou “que alcance os obxectivos que se prantexan coa súa implantación: impulsar e consolidar proxectos de emprendemento que teñan unha vinculación coa nosa contorna, e solventar as necesidades de cada proxecto emprendedor”.
“E ós nosos emprendedores” concluíu José Tomé “so lles pido que sigan adiante coa súa idea de negocio, con empuxe e con ilusión, para que nos axuden a configurar un tecido empresarial forte e de referencia na nosa cidade, na nosa comarca e na nosa provincia, que cree emprego e que cree riqueza”.