Mercado de Outono de Monforte
- Esta fin de semana cun programa cheo de actividades
- O mercado abrirá os días 29 e 30 de outubro na Praza de Abastos de Monforte en horario de mañá e de tarde coa participación de 14 postos de venda de produtos de tempada típicos do outono así como artesanía. O espazo expositivo contará ademais cunha pequena exposición de colmeas e ferramentas apícolas
- O Alcalde, José Tomé Roca, destaca que “con esta actividade contribuímos a poñer en valor os produtos típicos do outono. Por outra parte, potenciamos o comercio local e de proximidade, axudando a dinamizar e crear atractivos comerciais”
- Destaca neste Mercado de Outono a celebración do Samaín, os obradoiros e os contacontos. Tamén, terá lugar unha actuación da banda folión “Os Xograres de Lemos” na Praza de España, que interpretarán música para bailar
- A actividade encádrase no proxecto “Circuítos de artesanía e música galega” que o Concello organiza co financiamento do programa Territorio Cultura, ó amparo dos fondos de NextGenerationEU e o Mecanismo de recuperación e resilencia do Regulamento (UE)2021/241, concedido a través da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia
O Concello de Monforte recupera, tras dous anos de ausencia debido á pandemia da Covid-19, os días 29 e 30 de outubro o tradicional Mercado de Outono que acolle a Praza de Abastos de Monforte.
Un mercado de produtos típicos de outono e artesanía que contará ademais con gastronomía, contacontos musicais, obradoiros e a celebración da festa do Samaín.
O Alcalde, José Tomé Roca, destaca que “con esta actividade contribuímos a poñer en valor os produtos típicos do outono. Por outra parte, potenciamos o comercio local e de proximidade, axudando a dinamizar e crear atractivos comerciais”.
No espazo dos Mercados da Praza de Abastos, será posible, durante toda a fin de semana, adquirir produtos de tempada, como mel, pementón, cogomelos, castañas, noces, marmeladas, doces, cosmética natural, queixos ou embutidos. En total serán 14 postos de venda directa deste tipo de produtos. O espazo expositivo contará ademais cunha pequena exposición de colmeas e ferramentas apícolas.
Este ano terá lugar unha actuación da banda folión “Os Xograres de Lemos” na Praza de España, prevista para o sábado 29 ás 9 da noite e na que interpretarán música para bailar.
Este mercado de produtos naturais e típicos de outono abrirá as súas portas o sábado 29 de outubro de 10 a 14 horas, e tamén pola tarde, de 17:30 a 20:30 horas. No caso do domingo 30, o seu horario será de 11:00 a 14 horas.
Actividades para toda a familia
Dentro do Mercado de Outono o Concello programou as seguintes actividades, dirixidas tanto a nenos e nenas coma a público adulto:
Sábado 29 de outubro
12:00 Contacontos Marta Ortiz “Contos, castañas e tea de arañas”
17:30 Obradoiro de cabazas (os participantes deberá traer a cabaza xa baleira).
18:00 Festa de Samaín: baile de disfraces, pintacaras, contacontos e modelaxe de barro.
21:00 Banda folión “Os Xograres De Lemos”- Música para bailar na Praza de España.
Domingo 30 de outubro:
12:00 Contacontos con acompañamento musical “Brais das Hortas”: contos de medo que dan risa, contos cantados e contos tradicionais.
Circuítos de artesanía e música galega
O Mercado de Outono encádrase no proxecto “Circuítos de artesanía e música galega” que o Concello organiza co financiamento do programa Territorio Cultura, ó amparo dos fondos de NextGenerationEU e o Mecanismo de recuperación e resilencia do Regulamento (UE)2021/241, concedido a través da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia.
Con este programa o obxectivo do Equipo de Goberno de Monforte é impulsar a actividade, a creación, as prácticas nos procesos culturais contemporáneos artesanais, contribuíndo ó coñecemento e ós saberes tradicionais. E, do mesmo xeito, impulsar o sector artesanal como eixe de economía, cultura e identidade dun entorno como a Ribeira Sacra.
Dentro deste ciclo encádranse eventos comerciais, como fórmula tradicional de comercialización, coñecemento e divulgación, xunto con actuacións musicais e obradoiros interxeneracionais.
Así, o pasado 3 de setembro, tivo lugar o “I Encontro de Palilleiras de Monforte de Lemos, Capital da Ribeira Sacra”, que potenciou este oficio tradicional a través da participación de case media millar de palilleiras, procedentes de diferentes puntos da xeografía galega, e cunha xornada de convivencia na que intercambiaron os seus traballos. Ademais realizouse un obradoiro de costura creativa para o público asistente, así como a actuación do Grupo de gaitas e Danza do Concello de Monforte.
Ademais do Mercado de Outono e do I Encontro de Palilleiras, este programa de “Circuítos de artesanía e música galega” que organiza o Concello de Monforte acollerá a celebración do tradicional Mercado de Nadal, no que se porán á venta produtos de artesanía e agasallos para o Nadal, complementados coa celebración de obradoiros e actuacións musicais.
E dende o Concello tamén se porá en marcha un ciclo de 6 obradoiros artesanais que se dará a coñecer en vindeiras datas, obradoiros en diferentes disciplinas artísticas artesanais propias da cultura e da industria rural galega. Ditos obradoiros terán lugar a partir do mes de novembro tanto nas parroquias rurais do Concello como na Praza de Abastos, cunha duración de 30 horas cada obradoiro.
Os interesados nestes obradoiros, poderán solicitar as súa participación unha vez aberta a convocatoria de solicitudes da que se ofrecerá información detallada nos próximos días, así como horarios e datas exactas de cada un dos obradoiros.