Joseba Beloki, apadriñou a segunda “Ribeira Sacra Cycling Road”

  • Reuniu a preto de 300 cicloturistas
  • Este evento deportivo organizado polo Inorde co apoio de Turismo de Galicia, levou aos deportistas por paraxes naturais ourensás icónicas ao longo dos municipios de Xunqueira de Espadanedo, Nogueira de Ramuín, O Pereiro de Aguiar, Esgos, Parada de Sil, Montederramo e A Teixeira
  • Esta marcha cicloturista contou con dous percorridos para adaptarse a todos os públicos, aínda que se trata dunha proba de gran esixencia física: un gran fondo de 115 km e un mini fondo de 80 km

 

O exciclista profesional que conseguiu subir 3 veces ao podio do Tour de Francia, Joseba Beloki, foi o padriño oficial da segunda edición da “Ribeira Sacra Cycling Road”, unha oportunidade única para rodar con el polas paraxes que ofrece esta contorna icónica da provincia. Xa onte, un grupo de afeccionados ao cicloturismo tiveron a oportunidade de facer unha saída pola zona, desde Luíntra ao Mirador de Cabezoás, un percorrido de 30 km, co exciclista profesional Joseba Beloki, quen quedou abraiado coa beleza natural que ofrece a Ribeira Sacra.

 

O presidente do Inorde, Rosendo Fernández, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; o alcalde e o concelleiro de Deportes de Nogueira de Ramuín, Julio Temes e Raúl Soto, respectivamente, foron os encargados de realizar o corte de cinta para dar comezo á saída, en Luíntra, desta segunda edición da Ribeira Sacra Cycling Road.

A proba, organizada polo Inorde co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, reuniu a preto de 300 ciclistas, máis da metade deles procedentes de fóra da nosa Comunidade Autónoma. Este evento “contribúe a divulgar e a promocionar unha das zonas emblemáticas da nosa provincia como é a Ribeira Sacra, amosando a través do deporte a riqueza natural, paisaxística e patrimonial que ofrece este territorio, e seguir apostando polo turismo deportivo en Ourense, que ten dado boa conta da súa gran capacidade para acoller eventos de primeiro nivel”, destacou Rosendo Fernández.

 

Esta marcha cicloturista ofreceu dous posibles percorridos co obxectivo de adaptarse a todos os públicos, aínda que se trata dunha proba de gran esixencia física: un gran fondo de 115 km e un mini fondo de 80 km. Ademais, houbo un tramo cronometrado con circulación libre que incluía a última subida, con desniveis do 24%. Por este último tramo, recibiron un premio especial os tres primeiros e primeiras do mesmo.

A proba, de carácter non competitivo, finalizou coa seguinte clasificación: o primeiro posto do tramo cronometrado do gran fondo foi para Diego Collazo Varela do Club Nosportlimit (tempo: 00:28:36); e do tramo cronometrado do mini fondo para Nicolás Marín Mollinedo do Club Triatlón Vilagarcía (tempo: 00:34:26).

 

Durante a mesma, os cicloturistas puideron coñecer paraxes naturais espectaculares ao longo do percorrido que transitou polos municipios de Nogueira de Ramuín, O Pereiro de Aguiar, Esgos, Parada de Sil, Montederramo e A Teixeira.

También te podría gustar...