Os Xograres de Lemos ofrecen un concerto dentro do Verán Cultural
- Os Xograres de Lemos ofrecen un concerto hoxe venres 26, dentro do Verán Cultural organizado polo Concello de Monforte
Hoxe venres 26 de agosto, a partir das 10 e media da noite (22:30 h.), a praza de España de Monforte acollerá o concerto de Os Xograres de Lemos, dentro do programa de actividades do Verán Cultural organizado polo Concello monfortino.
En concreto, o concerto amosará o traballo musical de dúas das agrupacións destacadas da Asociación Xograres de Lemos.
Por unha banda, actuará o Orfeón Xograres de Lemos, formado por integrantes de Monforte así como de toda a comarca de Lemos. Este Orfeón está composto por un gran número de voces mixtas, acompañado con variedade de instrumentación, como as gaitas, saxofón, acordeón, percusión, baixo eléctrico e pandeiretas.
O repertorio estará formado por composicións propias da directora Beatriz Vázquez, ademais de arranxos de temas coñecidos. É un estilo tradicional pero adaptado ós tempos actuais, sen afastarse das raíces da zona. A formación leva 9 anos levando a cabo actuacións.
A outra formación destacada do concerto será a Batucada Aikirindo. Trátase dunha agrupación orixinal, formada por uns 20 integrantes, na que se incorporan instrumentos melódicos como a gaita ou o teclado, ademais da percusión. Son todos arranxos propios da directora Beatriz Vázquez de temas coñecidos e con toques celtas. Este grupo leva 4 anos en funcionamento.
Esta actividade está organizada polo Concello monfortino e conta coa colaboración da Deputación de Lugo.