Monforte festexa ‘os mellores viños da Ribeira Sacra’
Despois do parón pandémico volve por todo o alto o Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte, un evento vitivinícola que estaba a coller unha inercia moi positiva dende a súa creación. Este ano chega á súa IV edición e presentouse con gran expectación onte venres 1 de xullo.
O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, foi o encargado de inaugurar a 4ª edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte que abriu así oficialmente as súas portas na tarde do 1 de xullo.
Previamente ás intervencións do Alcalde da cidade, José Tomé Roca, e do pregoeiro do evento, o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, o grupo de baile tradicional “Donaire” amenizou o evento inaugural, o cal deu comezo ás 19:30 horas.
José Tomé Roca comezou destacando que “tras dous anos marcados pola pandemia, volve o Festival do Viño, e así podemos volver a reunirnos neste fermoso Paseo do Malecón de Monforte cun obxectivo común, promocionar os nosos viños da Ribeira Sacra” e recordando que o Festival do Viño foi unha iniciativa municipal que botou a andar en 2017 en colaboración coa Denominación de Orixe da Ribeira Sacra, cunha clara vocación de consolidarse no tempo”.
Esta mostra reúne a adegueiros das diversas subzonas da D.O. Ribeira Sacra, o cal reforza a imaxe dun destino turístico que está de moda e que xira entre outras cousas, entorno á ó sector vitivinícola, pero tamén arredor da cultura, da paisaxe, da gastronomía, da artesanía e do turismo.
Tomé Roca tamén incidiu en que “este evento non pretende competir con ninguén, todo o contrario, pretende sumar e unir esforzos, poñendo o colofón ás magníficas Feiras do Viño que se celebran en varios concellos da Denominación de Orixe.” Porque ademais “o sector do viño é hoxe unha peza clave na economía da comarca, e nel compaxínase a tradición do cultivo en terraza coa innovación tecnolóxica na elaboración dun viño de calidade en bodega, que compite con calquera denominación do Estado español, e tamén no eido internacional, como atestiguan os premios acadados nos eventos estranxeiros”.
O PREGOEIRO
Antonio López, reitor da Universidade de Santiago de Compostela, foi o pregoeiro do Festival do Viño nesta xornada inaugural. Na súa intervención destacou a importancia do viño ao longo de toda a historia, e enxalzou os valores dos caldos da Ribeira Sacra, así como a importancia económica do sector vitivinícola.
Do mesmo xeito, salientou a aposta forte que a USC fai polos sectores primarios, agrario e gandeiro, a través do Campus Terra de Lugo, e reafirmou o seu compromiso de colaboración coa Deputación de Lugo, coa que colabora estreitamente en diversos proxectos a prol da provincia de Lugo.
O reitor tamén salientou os valores e a potencialidade da Ribeira Sacra, na que destacou por riba de todo as calidades dos seus viños e o valor da súa viticultura que se recuperou co transcorrer dos anos.
Tras a intervención do reitor da USC, a comitiva institucional conformada por diferentes autoridades provinciais e municipais da contorna, levou a cabo un percorrido polos diferentes postos presentes no Festival con brinde oficial conxunto incluído.
FESTIVAL DO VIÑO DA RIBEIRA SACRA DE MONFORTE
Na edición deste ano participan 27 adegas da D.O. Ribeira Sacra, dúas máis que na última edición, que ofrecerán ao visitante a posibilidade de degustar e gozar dunha ampla variedade de viños que non deixarán indiferente a ninguén, nunha contorna natural, tranquila e fresca á beira do Río Cabe como é o Paseo do Malecón.
A estrutura do programa de actividades é continuista e seguirá o modelo das anteriores edicións cunha oferta variada para satisfacer a todos os públicos. A intención é que o visitante viva unha experiencia gozosa e poida ademais coñecer, ademais dos caldos desta Denominación de Orixe, a historia, tradición e cultura da Ribeira Sacra.
A oferta complementaria ao viño para os/as que se acheguen os días 1, 2 e 3 de xullo a Monforte de Lemos é ampla e variada. Dende apuntarse ás “ViñoRutas”, viaxes organizados para coñecer a ‘viticultura heroica’ e descubrir a beleza dos ríos e das ladeiras onde nacen os caldos da Ribeira Sacra, ata gozar da gastronomía, a artesanía e a música.
No recinto feiral haberá tamén oferta gastronómica de produtos da comarca, obradoiros infantís –olería tradicional e taller sensorial–, contacontos con Brais e Anxo Moure e, como novidade este ano, talleres de iniciación á cata baixo o título “Descobre… Viños da Ribeira Sacra”.
Moi preto do recinto de expositores, na Praza de Santo Antón, programáronse concertos as noites do venres 1 e do sábado 2 de xullo. O venres 1 actuou ás 23:00 o solista e compositor “Pol 3.14” e o sábado actuarán ás 23:00 h. “Nova Galega de Danza e Rosa Cedrón”, participando xuntos dun espectáculo que leva por título Leira.