Folgoso do Courel demanda acceso e calidade do servizo de telefonía e internet

  • O Concello de Folgoso do Courel demandará no Pleno que se garanta o acceso e calidade do servizo de telefonía e internet a todos os usuarios
  • Presenta unha moción ao Pleno que se vai celebrar hoxe para que o Goberno do Estado teña en conta ás zonas rurais no novo proxecto de Lei Xeral de Telecomunicacións
  • A situación xerada nos últimos meses empuxa ao Goberno local a poñer novamente en coñecemento do Estado e a Xunta as graves consecuencias que supón quedar sen as tecnoloxías que permiten o acceso a internet, cobertura móbil ou incluso teléfono fixo con chamadas de calidade

 

O Goberno local do Concello de Folgoso do Courel someterá a votación onte na súa sesión de Pleno ordinario unha moción para dotar de servizo de telefonía e internet a tódalas vivendas do Concello que o soliciten. Tamén piden que o servizo non sexa máis custoso por ser un Concello de montaña, de xeito que dean o servizo aos mesmos prezos que nas cidades e garantan o acceso e calidade do servizo a tódolos usuarios.

Tamén demandan que se garanta o servizo a todos os usuarios que dependían da rede de cobre que cortaron, como mínimo coa mesma calidade que xa existía.

En quinto lugar, solicitan que o Goberno de España “teña en conta ás zonas rurais como as nosas no novo proxecto de Lei Xeral de Telecomunicacións que están a desenvolver para que teñamos os mesmos servizos nesta materia que o resto do territorio español”.

Por último trasladarán os acordos a Telecomunicacións do Estado para que busque solucións e á Xunta de Galicia (Amtega) para que coñeza a situación.

Numerosos escritos e reclamacións

O equipo de Goberno explica que “as graves dificultades ás que nos vemos sometidos os concellos de montaña e en especial o noso á hora de recibir servizos de telefonía e internet de calidade, empúxanos a por novamente en coñecemento do Estado e Xunta as graves consecuencias que nos carrean quedar sen as tecnoloxías que permitan o acceso a internet, cobertura móbil ou incluso teléfono fixo con chamada de calidade”.

Precisan que, neste contexto e despois de paralizalo con numerosos escritos reclamacións no outono do ano 2021, a finais do pasado maio Movistar cerrou a única central que daba servizo de telefonía e internet por cobre aos pobos que discorren dende Quiroga ao cámping situado en Esperante, causando problemas aos veciños, xa que lles instalaron a telefonía fixa mediante ondas de radio causando numerosos cortes nas chamadas e deixando a un dos negocios turísticos máis grandes do Courel sen servizos de chamada e internet.

Anunciaron a chegada da fibra óptica a Seoane e Folgoso pero tamén apareceron novos problemas, como que non estenden a liña da fibra ata o cámping de Esperante, tal como estaba a liña de cobre que desconectaron, ou que a moitos dos usuarios que pedían a fibra, senón chega a mediar o Concello, non a instalaban aínda estando en Seoane ou Folgoso ou que á xente que so quería seguir conservando a súa liña fixa lle instalaban o servizo por ondas de radio sen garantir a calidade da chamada, o que produce numerosos cortes.

Na procura de solucións

Explican ademais que despois de protestar en numerosas ocasións e de poñer en coñecemento a situación a todas as administracións, sen éxito, o Goberno local se puxo en contacto diferentes empresas “e estamos á espera dos seus informes para tratar de paliar os problemas ocasionados”. “Retroceder na calidade dos servizos ou non buscar alternativas solventes á fibra non é de recibo nos tempos que corren cando en moitas ocasións o traballo depende de ter ou non internet”, lamentan.

También te podría gustar...