“As noites de Florencio”, música, teatro e poesía para honrar ao homenaxeado das Letras Galegas 2022

 

O programa especial, para lembrar a figura de Florencio Delgado Gurriarán, levará a Córgomo e contorna diferentes actividades que protagonizarán artistas relevantes da cultura e da escena galega. Entre outros, estarán Cándido Pazó, Alberte Montes, Paco Campos, Fátima Delgado, Anxo Baranga, Lucía Aldao e María Lado.

O teatro, a palabra e a música percorrerán as parroquias da vila de Córgomo para homenaxear a figura do seu veciño, Florencio Delgado Gurriarán, autor ao que este ano se lle dedicou o Día das Letras Galegas.

O proxecto das Letras de Florencio e mais o Concello de Vilamartín, co apoio da Consellería de Cultura, presentaron días atrás o ciclo “As noites de Florencio”, unha programación cultural na que haberá teatro, música, cinema e poesía. O epicentro será a ‘Aira dos Bolos de Córgomo’ pero chegará tamén a diferentes parroquias da contorna dentro do Concello de Vilamartín de Valdeorras –Arcos, Arnado, Valencia do Sil, A Portela, Vilamartín–.

 
PROGRAMACIÓN

O comezo das ‘Noites de Florencio’ coincidirá co comezo do mes de xullo. O sábado 2 de xullo comezará un obradoiro de teatro para a rapazada dirixido por Amparo R. de Dios que durará varias sesións. O día seguinte, 3 de xullo, chegará a Córgomo Cándido Pazó co seu espectáculo “Eu non digo nada” ás 20:00 h.

A partir de aquí, cada fin de semana haberá música, teatro, cinema e poesía, con espectáculos como “Florencio sen fronteiras” da compañía Arraianos, as “Cantarenas na noite” de Paco Campos, “Furia necesaria” de Aldaolado ou o espectáculo “Galego pode selo calquera” a cargo de Alberte Montes.

Cómpre salientar tamén a presenza de artistas locais como Fátima Delgado, Jorge Moral ou Anxo Baranga que chega con dous espectáculos a cargo da Agrupación Teatral Furafollas, e un interesante serán poético a cargo do Colectivo Barulla o 28 de xullo nas Festas de Santa Marta. Dentro das festas locais tamén terá lugar a representación das pezas teatrais resultantes do obradoiro para a rapazada.

O peche das ‘Noites de Florencio’ será os días 26 e 27 de agosto. O venres 26 actuará o músico valdeorrés Sr Jingles e o 27 haberá unha actividade para a cativada na aldea de Cernego. Consistirá nun xogo de pistas ao estilo dos scape room.

 

También te podría gustar...