‘Contamos coas crianzas de Sober’

  • O Colexio de Sober acolle hoxe a actividade

 

Hoxe venres 20 de maio a Biblioteca Pública de Sober coordina unha actividade de animación á lectura dirixida aos nenos e nenas de educación infantil do CEIP Virxe do Carme, de Sober. A sesión titúlase: ‘Contamos coas crianzas de Sober’ e desenvolverase na biblioteca escolar do CEIP Virxe do Carme.

Alumnado do Ciclo Formativo de Educación Infantil do IES Daviña Rey, de Monforte, como parte das súas prácticas de aula, desenvolverán unha sesión de narración oral que incluirá diferentes contos en lingua galega. Esta é unha experiencia de aprendizaxe-servizo deste alumnado, que ten a posibilidade de contar contos nunha biblioteca durante o seu período de formación inicial.

Os libros infantís son un recurso esencial na nosa sociedade para a educación de nenos e nenas. A experiencia lectora na primeira infancia abarca tanto os campos da creación plástica como literaria, o que favorece o desenvolvemento tanto afectivo, social e moral como da súa capacidade creativa. Neste caso, o compromiso coas letras e cos libros da Biblioteca Pública de Sober, da Biblioteca escolar do CEIP Virxe do Carme o do equipo docente do Ciclo Formativo de Educación Infantil do IES Daviña Rey  achegan esta actividade para os nenos e nenas entre os 3 e 6 anos matriculados no colexio público de Sober.

También te podría gustar...