Melloras na rúa Rof Codina, que contará con saída ó tráfico
- O Alcalde anuncia a licitación do proxecto
- José Tomé Roca sinalou que “para completar o proxecto da Zona C, consideramos que é necesario, actuar tamén na rúa Rof Codina, dende a Avenida de Galicia ata a nova zona urbanizada, onde os traballos están xa moi avanzados no que se refire ós desescombros, regularización do conxunto do terreo, e tamén xa se poden apreciar os novos viais e beirarrúas”
- “Ademais de aumentar significativamente as zonas peonís de dita rúa, renovaremos os servizos de abastecemento e saneamento, e levaremos a cabo o soterramento das redes de alumado público, baixa tensión e de telecomunicacións, así como o firme das beirarrúas”, sinalou o rexedor monfortino
- Todas as novas rúas, tres en concreto que gardan relación co proxecto, serán de dirección única, e polo tanto é necesario que o inicio de Rof Codina tamén sexa de dirección única en sentido dende a Avenida de Galicia ata a rúa Cobas, mentres que a rúa que da acceso á Gardería Municipal terá un sentido de circulación como as agullas do reloxo, entrando dende a rúa Ourense e saída cara a rúa Cobas
- Este proxecto ten un custe de licitación de 163.398,41 euros (IVE engadido), e publicarase na Plataforma de Contratos do Sector Público, o luns día 25 de abril, polo que o prazo de presentación de ofertas será de 26 días naturais e estará aberto ata o sábado 21 de maio
- Unha vez adxudicada e asinada a acta de replanteo, esta obra contará cun período aproximado de execución de 3 meses, en consonancia co remate das obras da Zona C
O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, deu a coñecer onte en rolda de prensa un novo proxecto incluído no programa de melloras das infraestruturas municipais, tanto no eido urbano como no medio rural, desenvolto polo Equipo de Goberno monfortino.
Trátase do proxecto de mellora da actual rúa Rof Codina, que contribuirá a complementar ás actuacións incluídas no proxecto de urbanización da Zona C. O de Rof Codina trátase dun proxecto que non está incluído no orzamento de actuacións da Zona C, pero que servirá para mellorar a nova zona resultante.
“Para completar o proxecto da Zona C, consideramos que é necesario, actuar tamén na rúa Rof Codina, dende a Avenida de Galicia ata a nova zona urbanizada, onde os traballos están xa moi avanzados no que se refire ós desescombros, regularización do conxunto do terreo, e tamén xa se poden apreciar os novos viais e beirarrúas”, sinalou o Alcalde. “Trátase dunha obra necesaria dentro do proxecto da Zona C que, como saben, consiste na urbanización da zona do centro da cidade que se ubica entre a rúa Rof Codina e o Barrio de Cobas, e entre a Rúa Ourense e o Río Cabe, moi próxima ó conxunto monumental dos Escolapios”.
Cabe recordar que o Concello actualmente está desenvolvendo as obras de urbanización e dotación de servizos en dita Zona C, logo de que fora adxudicado este proxecto construtivo á empresa Misturas Obras e Proxectos S.A. por un importe de algo máis de 915.000 euros (915.225,85€). Unhas obras que se estima estén rematadas ó longo deste verán.
Melloras na rúa Rof Codina, que contará con saída ó tráfico
A rúa Rof Codina está situada no centro urbano da cidade de Monforte, moi próxima á ponte nova e ten a singularidade de que é unha rúa sen saída, característica que deixará de ter unha vez rematen as obras de mellora anunciadas polo Alcalde, quen sinalou que “o proxecto de urbanización da Zona C conleva a apertura dunha vía pública que dea saída á rúa Rof Codina, resolvéndose así o problema desta rúa sen saída”.
Na actualidade, esta rúa consta dunha calzada central e dúas beirarrúas peonís en ambos lados. A súa lonxitude é de 87 metros, e conta cun ancho medio de 9,15 metros.
As súas beirarrúas peonís son moi estreitas, entre 1 e 1,15 metros, e a calzada consta dun carril central de dobre sentido, o que dificulta moitas veces a entrada e saída de vehículos, e aparcamentos a ambos lados. As beirarrúas son de baldosas con bordillo de formigón, e a calzada é de aglomerado asfáltico.
En canto ós servizos desta rúa Rof Codina, as redes de abastecemento e saneamento están renovadas pola súa marxe esquerda, pero están defectuosas na súa marxe dereita.
As instalacións de alumeado público, alta tensión e telecomunicacións son aéreas, polo que a través deste proxecto procederase ó seu soterramento, igual que na nova zona urbanizada.
Descrición técnica das actuacións de mellora
As actuacións que o Concello de Monforte levará a cabo na rúa Rof Codina consistirán, en primeiro lugar na demolición das beirarrúas actuais, así como ó fresado do aglomerado asfáltico da calzada.
Seguidamente realizaranse as gabias necesarias para as redes de abastecemento e de saneamento na marxe dereita, así como para o soterramento das redes de alumado público, baixa tensión e telecomunicacións.
Unha vez terminadas as redes de servizos xerais, procederase á colocación do bordillo de pedra en ambos lados da calzada, para a posterior colocación das baldosas de pedra das beirarrúas, sobre soleira de formigón.
Para rematar, renovarase o seu firme con aglomerado asfáltico en quente de 5 centímetros, e que unha vez secado, pintarase coas marcas viais correspondentes, colocaremos as sinais de tráfico determinadas no proxecto e instalaremos pilonas para evitar que os vehículos poidan subir ás beirarrúas peonís.
A calzada terá un ancho fixo de 3,50 metros e as beirarrúas terán anchos variables de entre 2,65 e 2,85 m., “co cal levaremos a cabo unha importante ampliación do espazo para uso peonil, humanizando deste xeito o conxunto da actuación, dende a Avenida de Galicia ata a rúa Cobas” subliñou o Alcalde.
As beirarrúas van ter un firme de granito, semellante ó que se vai colocar no inicio da nova urbanización e no entorno da Gardería municipal, integrándose no conxunto da nova urbanización.
“Polo tanto”, resumiu José Tomé, “ademais de aumentar significativamente as zonas peonís de dita rúa, renovaremos os servizos de abastecemento e saneamento, e levaremos a cabo o soterramento das redes de alumado público, baixa tensión e de telecomunicacións, así como o firme das beirarrúas”. O Alcalde tamén sinalou que en ambos extremos da rúa, en pouco máis de 100 metros, habilitaranse dúas zonas de carga e descarga.
O Alcalde tamén explicou que “todas as novas rúas, que son tres as relacionadas con este proxecto, serán de dirección única, e polo tanto é necesario que o inicio de Rof Codina tamén sexa de dirección única en sentido dende a Avenida de Galicia ata a rúa Cobas, mentres que a rúa que da acceso á Gardería Municipal terá un sentido de circulación como as agullas do reloxo, entrando dende a rúa Ourense e saída cara a rúa Cobas”.
Deste xeito, haberá unha circulación fluída, evitando entronques dificultosos e simplificando o tráfico o máis posible, dando unha solución semellante á travesía Veiguiña ou á rúa Germán Vázquez, o cal redunda na seguridade dos peóns.
Licitación e prazos
Este proxecto ten un custe de licitación de 163.398,41 euros (IVE engadido), e publicarase na Plataforma de Contratos do Sector Público, o luns día 25 de abril, polo que o prazo de presentación de ofertas será de 26 días naturais e estará aberto ata o sábado 21 de maio.
A mesa de contratación celebrarase o luns 23 de maio, e unha vez adxudicada e asinada a acta de replanteo, esta obra contará cun período aproximado de execución de 3 meses, en consonancia co remate das obras da Zona C.