Conta atrás para a XL Feira do Viño de Quiroga
- Quiroga vive unha das semanas máis importantes do ano, no que a celebracións se refire.
- Tras o desfile da Confraría do Viño de Quiroga, e aproveitando o ‘Quiroga de Tapas’ ata o día 15, preséntase unha fin de Semana Santa por todo o alto
Seguindo os pasos do Concello de Sober, Quiroga busca encher de xente a vila coa exaltación dos seus caldos e recibindo ao pregoeiro Iván Sánchez, actor famoso con raíces no lugar. Ademais, esta será a primeira das súas 40 edicións nas que os expositores serán todos bodegas profesionais, a maioría de Quiroga e outras de fóra pero que teñen viñedos no concello. Outra das novidades será que tamén haberá unha adega convidada da D.O. Ribeiro.
O venres 15 de abril, para abrir boca, haberá unha cata de viños ás 20:00h. comentada polo enólogo Juanjo Figueroa e ás 22:00 h. un concerto na rúa Real a cargo de Bafana Bafana.
Durante o sábado e o domingo os protagonistas serán os viños, con 12 adegas presentes no recinto feiral. Ademais das quiroguesas: Atrium Vitis, EDV 2015, Lar de Ricobao, Val de Quiroga, Fructuoso-Hobbs e Terrazas de Outeiro; estarán Alma das Donas, Algueira, Ponte da Boga, Rectoral de Amandi e Purificación Díaz Ferreiro. Como convidada, da DO Ribeiro, Son do Arrieiro –Premio entre Vides 2021–.
A inauguración oficial da mostra será ás 11:45 h. a cargo do Conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez.
Á mañá, ás 11:00 h. terá lugar o Recital Cultural de Tradición Oral e ás 11:30 h. o Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas. E pola tarde, ás 18:00 h., o grupo de gaitas O Recanto amenizará o recinto feiral ata as 20:00 h. momento da recepción de autoridades na Casa do Concello. Pouco despois, ás 20:30 h. terá lugar o esperado pregón de Iván Sánchez, e ás 21:00 h. entregaranse os premios do ‘Concurso de Camisetas Feira do Viño 2022’. O acto estará presentado por Manola Porto, xornalista de Onde Cero Monforte. O fin de festa correrá a cargo da orquestra Atenas.
Chegando ao domingo 17, ás 11:00 h. unha alborada do grupo ‘O Recanto’ reactivará a feira do viño para a continuación, na Casa do Concello, se reciban autoridades e se proceda a entrega dos trofeos aos adegueiros e adegueiras de Quiroga.
Rematando a xornada dominical, e a XL Feira do Viño, ás 17:00 haberá un espectáculo infantil na Rúa Real e ás 18:00 h. poñerá a guinda a coñecida charanga Louband amenizando os derradeiros grolos da festa.
IVAN SÁNCHEZ, O PREGOEIRO
Outro actor será o protagonista do pregón nesta edición. Trátase de Iván Sánchez, un intérprete de Madrid pero con orixes en Quiroga. Segundo conta coñece ben Galicia e a zona, sendo o seu pai dunha aldea do concello, lugar ao que veu vivir dende que se xubilou.
Iván Sánchez é coñecido polos seus papeis en ficcións pero tamén fixo teatro e cinema. Algunhas series nas que participou: Hospital Central, El Pantano, Javier ya no vive solo, El Comisario, Periodistas, Un paso adelante, Aquí no hay quien viva e Hispania, la leyenda. E non só iso, estivo recentemente en ‘MasterChef Celebrity’ e tamén chegou a México onde se lle coñece polo seu traballo en telenovelas.