Pregón, premios da cata e ambientazo na 2ª xornada da XLII Feira do Viño de Amandi
- Sober volveu aos tempos de antes no que se refire á súa cita cos caldos da subzona de Amandi na D.O. Ribeira Sacra. Éxito de organización e de afluencia, cun pregoeiro de luxo, Chechu Salgado
- O discurso do Alcalde, Luis Guitián, e o pregón do actor Chechu Salgado, diante da Casa do Concello e para unha praza ateigada de xente, resultaron moi emotivos
Despois dun sábado no que xa se respirou un ambiente como os de antes da pandemia, con moito público ao longo do día e un ambientazo que completaban as charangas, a música tradicional a Banda de Música de Sober e –xa pola noite– os Gin Toni’s, a Feira do Viño de Amandi abría a veda da ‘nova normalidade’ para as vindeiras citas vitivinícolas que lle sucederán este mes e os seguintes.
Un total de 23 adegas tiñan expositores na gran carpa, como tamén os dous oleiros de Sober, Figulus e Elías de Reitoral de Gundivós, mentres que na contorna atopábanse un pequeno mercado de produtos da zona e artesanía, así como tamén diferentes postos de alimentación e os típicos de todas as feiras.
Na xornada deste Domingo de Ramos –10 de abril— na parte musical a protagonista foi a Banda de Música de Sober pola mañá e Os Satélites pola tarde para pechar o evento. Pero o prato forte, tras a Cata Oficial, era o pregón do soberino Chechu Salgado. Tras o discurso do alcalde, Luis Guitián, tomaba el a palabra diante dunha praza ateigada de xente.
DISCURSO E PREGÓN
No discurso de Luis Guitián destacou, primeiro de todo, o poder de adaptación e resistencia de Sober ao “adaptarse ás circunstancias e sacar adiante dúas edicións da festa” con formatos adaptados á Covid, e tamén que esta festa é unha “homenaxe ás mulleres e homes que fan do viño de Sober e da Ribeira Sacra un territorio vivo e con futuro”.
Nesta liña, sinalou tamén que “esta festa, que cumpre 42 anos, foi declarada Festa de Interese Turístico en 1999 e mantense grazas a vós, colleiteiras e colleiteiros de Amandi que traballades nas vosas viñas e elaborades nas vosas adegas un producto único que triunfa alternándose cos mellores viños do mundo”.
Aos de Sober cáenos a baba cando falamos do neto do Susi e da Mila, do fillo da Mariví ou do sobriño do Alberto e o Pacha. Ese é Chchu para nós
A continuación deulle a benvida á corporación de Bóveda, concello homenaxeado nesta edición, e tamén ao pregoeiro, Chechu Salgado, de quen defendeu a súa “soberanidade”. ”Chechu Salgado naceu en Sober porque, loxicamente, en Sober non nace calquera”, dicía Guitián ao tempo que engadía “aos de Sober cáenos a baba cando falamos do neto do Susi e da Mila, do fillo da Mariví ou do sobriño do Alberto e o Pacha. Ese é Chchu para nós”.
O rexedor remataba cun agradecemento amplo aos adegueiros institucións públicas e empresas privadas que colaboraron na organización da festa e remataba cunha lembranza ao conflito bélico, “oxalá os nosos brindes co mellor viño do mundo sirvan para devolver a cordura a eses seres inhumanos que provocan os conflitos”.
PREGÓN DE CHECHU SALGADO
Visiblemente emocionado, o actor Chechu Salgado chegaba a Sober para afrontar xogando na casa o que era o seu 1º pregón.
Comezaba dicindo “nin nos soños máis profundos aparecían da man un Goya e o pregón da feira do viño de amandi, do meu fogar”. Nesta liña recoñecía con orgullo a pertenza a esta terra, a Sober, “eu son froito desta terra. Eu nacín aquí e con esta chuvia e este sol fun madurando”.
Lembrou detalles de cando comezaba a andar, xogar e bailar na praza na que estaba agora, e diante da mirada da súa familia, así como tamén se referiu a que nalgún recuncho de por alí deu os seus primeiros bicos e os seus primeiros grolos, “sempre tardaba en chegar á casa e sempre estaban todos enfadados”, comentaba.
Creo que unha das grandes relacións entre o cinema e a viña son precisamente a paixón e o esforzo…
Reinvindicación da súa terra, na que “aprendeu a desfrutar da vida e a vivir con paixón”, e recurso á viticultura para referirse tamén á súa carreira, “se non sudas a camisola non consegues nada e que non só dependes de ti para pechar un ano con éxito, coma o viño dependes de moitas circunstancias alleas ao teu traballo para ter un ano bo”; “Creo que unha das grandes relacións entre o cinema e a viña son precisamente a paixón e o esforzo. Tamén que ambas están feitas para o desfrute e para a reflexión das persoas”; “Cantas boas conversacións aparecen bebendo una botella de viño ou despois dunha película. Cantas risas, cantas discusións, cantas noites de amor…”.
Para rematar, Chechu quixo agradecer a todas e todos os presentes a súa asistencia para escoitalo e deixou unha frase das de apuntar: “temos unha grandísima historia detrás pro eu brindo polo precioso futuro que temos por diante”.
VIÑOS GAÑADORES
Os gañadores da cata da XLII Feira do Viño de Amandi son:
Rosado: Regina Viarum Rosae 2021
Branco: Imbrice 2021
Tinto Xoven:
Rectoral de Amandi Mencía 2021
Rectoral Gundivós Amboa 2021
Don Bernardino Mencía 2021
Outra añadas: Don Bernardino 4Generación 2018