Quiroga vai de tapas

  • O día 6 de abril deu comezo o X Concurso Quiroga de Tapas no que participan nove establecementos.
  • Estará aberto ata o 16 de abril, agás o 10, que por ser día de feira a comisión organizadora, á petición dos propios establecementos, decidiu que non se sirvan as tapas a concurso.

 

Os establecementos de hostalería participantes son os seguintes: Adega da María, Bar O Portón, Cafetería A Botica, A Taberna, O Rego Gastrobar, Bar Chapakuña3, Bar Matrioshka, Mesón Ferreiriño e Mesón Escaleira. Todos eles competirán para facerse co premio á mellor tapa desta edición levando un diploma acreditativo e 100 € en metálico.

Cada establecemento participante presentará unha única tapa, elaborada con ingredientes de libre elección. A tapa presentada ao concurso, deberá estar anunciada, exposta de forma destacada, así como a disposición do público consumidor nun número suficiente e razoable de unidades ou porcións, entre as 12:00 e as 14:30 h. pola mañá e entre as 19:00 e as 22:30 h. pola tarde-noite.

As bases mantéñense como en anos anteriores ao igual que o prezo da tapa (1´50 €), polo que serán os propios consumidores os que decidan coa súa votación cal é a tapa gañadora. Para iso terán que cubrir un tapacartón co selo de todos os establecementos que concursan e que se poñerá cada vez que o cliente deguste a tapa concursante.

Cando o cliente complete a degustación de todas as tapas presentadas a concurso en todos os establecementos participantes, poderá votar a súa tapa favorita utilizando o mesmo tapacartón e introducindo o mesmo nas urnas oficiais do concurso, coas que contarán todos os establecementos participantes.

No tapacartón deberase poñer o nome da tapa que se elixe como gañadora e os datos da persoa participante, pois dese xeito entrará nun sorteo. Os premios para os participantes van desde os 300 € en metálico ata cestas con produtos típicos da zona, pasando por comidas ou ceas para dúas persoas en distintos establecementos locais e da Ribeira Sacra, a estancia nunha hospedería ou un paseo a cabalo.

 

AMPLIACIÓN DE HORARIOS PARA O LECER NOCTURNO

A Xunta de Goberno municipal aprobou onte venres 8 de abril a ampliación do horario de peche dos establecementos de hostalería asociados á APEHL (Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo) do Concello de Quiroga en dúas horas máis do legalmente establecido nas festividades do ano 2022.

Fontes do Concello de Quiroga indican que avalados polo disposto na orde do 23 de outubro de 2020, pola que se determina o horario de apertura e peche dos establecementos abertos ao público e de inicio e finalización dos espectáculos públicos e das actividades recreativas, desde a Alcaldía do Concello de Quiroga autorízase a ampliación en dúas horas do horario de peche os días 9, 10, 14, 15, 16, 17 e 18 de abril.

También te podría gustar...