A Comisión Sociosanitaria de COGAMI reclama cambios no sistema sanitario
- Co gallo do Día da Saúde
- Son un paquete de medidas clave as que reivindica esta comisión que está representada por vinte e cinco entidades de discapacidade orgánica
Hoxe 7 de abril conmemórase o Día da Saúde, unha data na que a Comisión Sociosanitaria de COGAMI dedica á reivindicación de acceso en condicións de igualdade para todas e todos os pacientes. Durante este ano, dende esta Comisión, conformada por vinte e cinco entidades membro, reclaman un paquete de medidas clave que cren que se deben mellorar para unha atención sociosanitaria axeitada e próxima ás persoas.
Un destes primeiros puntos sería ter acceso a diagnósticos e tratamentos especializados e a terapias de rehabilitación de fisioterapia, logopedia e mesmo terapia ocupacional. A constitución de equipos multidisciplinares que fagan seguimentos de enfermidades crónicas, e mesmo facilitar a derivación a servizos especializados e/ou unidades de referencia, serían outros dos puntos que reclama a Comisión Sociosanitaria.
En palabras da coordinadora desta Comisión, Laura Quintas, “a maioría de persoas con enfermidades crónicas temos unha discapacidade orgánica, algo difícil de ver e avaliar. Somos persoas usuarias do sistema sanitario de forma continuada ao longo de moitos anos ou de toda a nosa vida, co que reclamamos unha sanidade adaptada ás persoas con enfermidades crónicas, mellorando o acceso e tratándonos de forma multidisciplinar, como persoas con diferentes problemas de saúde e patoloxías, non como patoloxías o sintomatoloxía illada e sen conexión”.
A axilización e recorte nos tempos da expedición do certificado do grao de discapacidade coa aprobación do novo baremo, a realización de avaliacións presenciais e a necesidade de mellorar a sensibilidade coas enfermidades crónicas e raras, son outras das reivindicacións que demanda a Comisión Sociosanitaria, ao igual que a aplicación de protocolos de actuación e guías de práctica clínica, a formación de especialistas para a atención a persoas con enfermidades crónicas e con discapacidade, a creación de itinerarios sociosanitarios e a necesidade de que a atención sexa accesible a todas as persoas.
Segundo explica Laura Quintas, “as persoas con enfermidades crónicas e as entidades que as representamos estamos preparadas para poder aportar o noso coñecemento ao sistema sanitario e poder melloralo. Todas as persoas, nalgún momento da súa vida, son pacientes e, polo tanto, usurarias do sistema de saúde. Este sistema ha de ser público, participativo e humano, tanto para as persoas que acudimos a el como pacientes como para as persoas que traballan nel”.
Outras das propostas de mellora necesarias son o acceso a novas opcións terapéuticas, a tratamentos en condicións e tempos adecuados, a mellora das listas de espera e o acceso a materiais e apoios técnicos axeitados, poñendo especial atención nas persoas máis vulnerables.
Comisión Sociosanitaria
Nos últimos anos o movemento asociativo COGAMI viuse incrementado por un maior número de entidades de carácter sociosanitario. Son asociacións de persoas que teñen unha enfermidade crónica, polo que a súa problemática sitúase tanto no plano social como no sanitario, co que se crea a Comisión Socionsanitaria o 15 de xullo de 2011. Esta comisión representa a persoas con patoloxías como o lupus, a esclerose, a fibromialxia e fatiga crónica, a hemofilia, as enfermidades do ril, o crohn e colite ulcerosa, as enfermidades reumatolóxicas, as persoas con amputacións, as persoas con lesión medular, o linfedema e a espondilite. Ademais participan entidades que abarcan todo tipo de discapacidades e outras orientadas a idades temperás.
Esta comisión encárgase de servir de interlocutora coa administración pública sanitaria, e supervisar e colaborar no catálogo ortoprotésico, nos decretos de sanidade, nos plans de actuación do SERGAS, así como apoiar a colectivos específicos nas súas reivindicacións, potenciar as necesidades de accesibilidades no ámbito hospitalario: análise de carencias actuais e asesorar en procedementos de reclamacións individuais ou colectivas.