Concurso de debuxo e desfile da Confraría do Viño, actividades previas á Feira do Viño de Quiroga
O Concello de Quiroga convida á cativada a participar nun concurso de debuxo relativo á Feira do Viño
A Confraría do Viño de Quiroga participará un ano máis nos actos da Feira do Viño co seu tradicional desfile. Será o sábado día 9 de abril.
Todas as nenas e nenos entre 3 e 12 anos poderán participar nun certame de debuxo que organiza o Concello de Quiroga para premiar os mellores debuxos relacionados co gran evento quirogués que exaltará os seus viños os días 16 e 17 de abril.
O debuxo terá tamaño folio (A4) e xunto coa creación deberá xuntarse un sobre cos datos do autor ou autora no seu interior. Será orixinal e poderá realizarse por calquera medio plástico; con lapis, tinta, acuarela, acrílico, óleo, collage, gravado ou mixtos.
No relativo ás categorías diferéncianse tres, unha de 3 a 5 anos; outra de 6 a 8; e a última que comprenderá autores ou autoras de 9 a 12 anos. Por cada categoría haberá tres premios e os traballos presentaranse na Casa da Cultura antes do 12 de abril.
Os premiados recibirán unha comunicación persoal (aos pais) e as obras quedarán en propiedade do Concello de Quiroga para posibles exposicións.
DESFILE DA CONFRARÍA
A Confraría do Viño de Quiroga aproveitará a reunión anual da asociación para facer o xa tradicional desfile pola rúa principal da localidade como antesala da XL Feira do Viño.
Ás 13:30 h. do sábado 9 de abril os confrades, ataviados co seu traxe de gala (capa de cor burdeos e sombreiro negro), percorrerán a travesía principal da vila quiroguesa, dende a Casa Consistorial ata o Museo Etnográfico de Quiroga. Paralelamente actuará tamén o Grupo de Gaitas ‘O Recanto’ facendo seguimento da comitiva.
Este solemne acto, –que presiden o Confrade Maior, o alcalde quirogués Julio Álvarez, e o presidente da Confraría, J. Manuel Rodríguez–, forma parte dos prolegómenos da Feira do Viño de Quiroga dende o ano 2012, ano no que se fundou esta congregación, que conta dende entón con 23 membros. O número de membros é invariable, soamente se renovan cando queda algunha vacante, como ocorreu no ano 2019 cando entrou a formar parte desta institución a primeira muller confrade, Mª Balbina Álvarez.
O que este ano non realizará esta irmandade será a cata dos viños participantes na feira como era un dos seus cometidos. Na cata dos viños os confrades encargábanse de detectar calquera problema de cor, sabor ou olor que puidesen presentar as mostras dos viños artesanais que estaban inscritos para a feira, que previamente xa pasaran análises nun laboratorio. O presidente da Confraría, José Manuel Rodríguez, non considera que sexa necesario, “posto que as adegas que participarán son todas adegas industriais”.
Como remate do desfile, sobre as 13:45 h. e a porta pechada, os membros do colectivo realizarán a xunta xeral anual na que que se dará conta dos informes do presidente e do estado de contas da confraría.