II “Xurés Bike Tour”

  • Abertas as inscricións para participar
  • O Inorde organiza este evento deportivo que aspira a converterse nunha das probas de referencia por etapas do panorama BTT no norte de España

 

O Inorde organiza a segunda edición da “Xurés Bike Tour” que xa ten aberto o seu prazo de inscricións para que todos os afeccionados ao ciclismo de montaña poidan volver a gozar das paraxes naturais que ofrece esta zona do Xurés. Este evento, que se celebrará do 10 ao 12 de xuño, aspira a converterse nunha das probas de referencia por etapas do panorama BTT no norte de España.

Ao igual que na primeira edición, o percorrido da proba transcorrerá por diferentes municipios do sur de Ourense así como por zonas do norte de Portugal, “dotándoa dun carácter internacional que a fai máis atractiva para os deportistas”, sinalou o presidente do Inorde, Rosendo Fernández. Deste modo, os afeccionados á práctica da mountain bike coñecerán os municipios de Muíños, Lobios, Montalegre, Lobeira e Bande.

“Este tipo de probas permítenos non só continuar a potenciar ao noso territorio como destino de turismo deportivo, senón que ao desenvolverse en varios días, conseguimos atraer a visitantes que terán que pernoctar na nosa provincia e, polo tanto, terá un evidente impacto no desenvolvemento económico destes municipios”, explicou Rosendo Fernández. De feito, a “Xurés Bike Tour” é un evento pensado non só para os participantes, senón tamén nos seus acompañantes, por elo, no momento de realizar as inscricións, os deportistas poderán decantarse por unha das diversas opcións que hai e que inclúen inscrición e aloxamento e/ou actividades paralelas.

A proba, que conta co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, desenvolverase en 3 etapas: un prólogo e dúas etapas tipo maratón na que se poderá participar tanto de xeito individual como por parellas. A etapa prólogo celebrarase entre o “Alto do Viso” (Lobeira) e Bande, un percorrido de 14 km cronometrados con saídas cada minuto que servirá como prolegómeno das dúas etapas que serán a continuación e que requiren de maior esixencia.

Ao día seguinte, celebrarse a primeira etapa que terá a súa saída e chegada no complexo deportivo do Corgo en Muíños, e constará dun percorrido de 70 km. Nesta ocasión, os participantes terán a oportunidade de descubrir lugares espectaculares como Maus de Salas, Pitoes das Junias ou Tourem. A segunda etapa, que terá a súa saída e chegada no Balneario de Lobios, contará cunha distancia de 50 km e será a que decida o podio final desta segunda edición da “Xurés Bike Tour”, que o ano pasado contou con Óscar Pereiro como padriño, coincidindo coa conmemoración da súa vitoria no Tour de Francia facía 15 anos.

 

Os interesados en participar xa poden inscribirse a través do seguinte enlace: www.xuresbiketour.com

También te podría gustar...