Exposición ‘Magnetismo e personalidade’
- Colección particular de Luz Carreiras, do 11 de febreiro ao 17 de abril na Fundación Vicente Risco
ARTE AFRICANA concíbese como aquela producida nas rexións situadas ao sur do Sahara. Baixo o concepto xenérico de arte africana enténdese unha infinidade de culturas cheas dunha enorme personalidade propia, podendo falar de moitas familias e particularidades artísticas. As notas que poden caracterizar a todas elas resúmense nas seguintes:
Espiritualidade
Moitas das manifestacións artísticas concíbense para comprender o obxecto no marco dunha expresión ritual ou cultural propia.
Tradicionalidade, inmaterialidade, evolución
Os obxectos e expresións artísticas que se manifestan tamén na música, na roupa e nas tatuaxes corporais responden a unha tradición evolutiva de crenzas e as formas asociadas a elas herdadas de xeración en xeración a través dunha concepción inmaterial das formas. A tradición prevalece sobre a man, xeralmente anónima, do seu autor.
Expresividade
Cada autor incorpora ao obxecto ou manifestación artística a súa forma persoal de entendelo dun xeito ás veces moi rechamante.
Simplificación da forma
A liña evolutiva de moitas das manifestacións artísticas determinou unha progresiva simplificación, ata chegar a unha certa abstracción das formas. Aínda que o obxecto representado está normalmente vivo, esta simplificación pode determinar unha abstracción sen perder expresividade.
Tanxibilidade
Os obxectos están feitos para ser vistos, tocados e escoitados.
Naturalidade
As manifestacións artísticas enchen todas as manifestacións da vida cunha cor, un son e algunhas formas de representación humana.
Variedade
Cada manifestación artística deriva de diferentes culturas, cos seus centos de linguas, variedades raciais, tradicións, condicións do territorio e materiais empregados.
Non é de estrañar que Picasso iniciase a súa era rosa despois de observar por primeira vez unha peza africana, probablemente Bambara, ou que o galerista Beyeler, promotor da arte de vangarda a principios do século XX, acumulase numerosas pezas de arte africana xunto pinturas dos grandes autores deste período.