Desconformidade coa execución das obras de ensanche e mellora da estrada provincial LU-P-1301

  • Os Grupos Municipais do Concello de Folgoso do Courel amosan a súa desconformidade coa execución das obras de ensanche e mellora da estrada provincial LU-P-1301

 

Os grupos municipais con representación no Concello de Folgoso do Courel; Partido Popular, C@urel Vivo e PSOE amosan a súa desconformidade coas obras que está a levar a cabo a Deputación Provincial de Lugo na estrada provincial LU-P-1301, que une Pedrafita do Cebreiro con Seoane do Courel. A estrada, recordan, é a principal vía de unión entre o norte e o sur do Courel e tamén a vía de acceso a A-6, o que debera dar mostra da súa importancia.

A mediados de decembro a institución provincial explicou que as actuacións adxudicadas en Xunta de Goberno contemplaban a ampliación da estrada dende o punto quilométrico 8,6 ao 10,7, pasando dos actuais 4 metros ata os 5,5 metros de ancho. Tamén que se farían tarefas de drenaxe, afirmado, pavimentación e sinalización horizontal e vertical. Ademais, anunciaron a colocación de balizas de neve, paneis direccionais, fitos quilométricos, carteis e novos tramos de barreira metálica de seguridade.

Tras varias semanas de obras, os Grupos Municipais do Concello de Folgoso do Courel consideran que a actuación non responde ao proxecto que se ten anunciado e a súa execución está sendo moi deficiente, polo que convidan  á Deputación de Lugo a visitalas e ver o estado no que se atopa a vía, aínda despois de ter actuado nela.

Os tres grupos políticos recordan ademais que existía un proxecto inicial do ano 2018 no que se comprometera un investimento de 1,8 millóns de euros, que tras ser abandonado, pasou a este novo proxecto que a Deputación dividiu en tres fases cunha redución moi importante do presuposto, que rebaixan ata o millón de euros.

Había un orzamento de 1,8 millóns para arranxar 2 km nunha soa fase e agora con moito menos pretenden arranxar os 6 km que faltan, lamentan.

Unha actuación moi deficiente

Ademais, coa actuación que están acometendo non eliminan as curvas perigosas, tal e como se anunciara, o que seguirá dificultando o tránsito dos autobuses para un Concello no que o turismo medra ano tras ano. Ademais, a capa de aglomerado que botaron xa se está levantando e tampouco presenta o grosor recollido no proxecto, denuncian.

Os tres grupos municipais asinan este documento, que enviarán á institución provincial para que tome cartas no asunto e se comprometa a desenvolver o proxecto tal e como foi aprobado. Engaden ademais que son numerosas as queixas de veciños e usuarios da vía que trasladan o seu malestar polo traballo que se está a desenvolver na estrada, unha arteria fundamental entre ambos os municipios.

También te podría gustar...