Carabuñas, cestas de produtos ‘gourmet’ para celebrar o Nadal
- Este proxecto de produtos gourmet derivados do sabugueiro comercializan cestas ‘premium’ para este Nadal con láminas de ilustradoras galegas.
Carabuñas, proxecto agroalimentario especializado na explotación do sabugueiro, vén de poñer en marcha unha orixinal iniciativa para este Nadal na que, alén de ofrecer un produto exclusivo, teñen como obxectivo ‘celebrar a amizade’. Para este cometido contan coa colaboración das ilustradoras galegas Clara Cerviño, Xoana Almar, Luz Beloso e Ana Parada que se prestaron a “transmitir a través das láminas a súa visión sobre a amizade”.
As láminas incluénse nas diferentes cestas agasallo que comercializan este Nadal xunto con outros produtos galegos de alimentación de gran calidade e elaborados de forma artesanal. Para a creación destes lotes a aposta segue a ser a do produto galego, ecolóxico, local e rural. As cestas, que se poden adquirir na súa tenda en liña e cuxos prezos oscilan entre os 43 e os 99 euros, son unha edición especial “coa que queremos enriquecer o alimento con produtos para a vista e para a mente”, sinalan os emprendedores Eva e Nelson, promotores do proxecto gastronómico nacido en Vilar de Santos hai nove anos.
“Gosto do Nadal galego, Gosto do rural galego” é o lema que figura nas cestas baixo o suxestivo “GOSTO!” como imaxe principal que figura nos packs creados para este Nadal. Con este orixinal deseño, e con láminas das ilustradoras devanditas, presentan os seguintes lotes:
“Gosto das ilustradoras galegas”: Inclúe delicias galegas gourmet (bombóns, mel, chocolate, licor, viño, queixo, marmeladas e conservas) e catro láminas sobre a amizade realizadas pola ilustradoras Xoana Almar, Ana Parada, Luz Beloso e Clara Cerviño.
“Gosto da Xoana!”: Está composta por produtos galegos gourmet (queixo, paté de centola, chocolate, marmelada, viño D.O. Rías Baixas e licor de sabugueiro) e a lámina “A loita de todas está en nós” de Xoana Almar coa que nos lembra que a nosa esencia, o noso ser o noso futuro están na nosa unión.
“Gosto da Cerviño!”: Inclúe os seguintes produtos gourmet galegos: paté de centola, salchichón de porco celta, turrón, mexilóns, cervexas artesanais e marmelada ecolóxica ademais dunha ilustración de Clara Cerviño na que nos leva ata a cidade de Ourense para cruzar as súas pontes e construír outras novas.
“Gosto da Beloso!”: Nesta cesta hai mel, cordial de sabugueiro, licor de sabugueiro, un viño branco D.O. Rías Baixas, galletas artesanais e un queixo premiado internacionalmente. Ademais, inclúe unha ilustración de Luz Beloso que transmite que as amigas e os amigos son como as fores da vida.
“Gosto da Trave!”. Esta cesta-agasallo inclúe paté, mexillóns, queixo, chocolate, marmelada, licor de sabugueiro e unha lámina de Ana Parada baseada na ilustración “Creación de Adán”, de Miguel Anxo.
Con estas cestas especiais para este Nadal queremos poñer en valor o traballo das mulleres galegas que se dedican á ilustración. Son catro pero poderían ser corenta porque a calidade da ilustración galega é magnífica. E para mostra podemos ver o traballo destas catro ilustradoras que plasman o uso, a calidade e a diversidade dos seus traballos
; sinala Eva, unha das responsables de Carabuñas.
CARABUÑAS, O PROXECTO
Carabuñas naceu no ano 2012 en Vilar de Santos (Ourense) despois de dous anos de investigación sobre o sabugueiro, un arbusto que forma parte da paisaxe galega e que actualmente está esquecido tanto o seu uso como as súas propiedades. A partir da súa baga e da súa flor comezaron a elaborar diferentes produtos de xeito artesanal – tales como cervexas, licor, marmeladas, xalea e infusións – que se comercializan baixo o nome de Carabuñas.