Humor a esgalla en Manzaneda
- Primeiro Festival da Comedia
A produtora afincada no Concello de Manzaneda, La Ruina Producciones, organiza para o 11 de decembro unha gran gala de comedia galega.
Baixo o título de ‘Manzaneda Comedy’ preséntase nesta vila rural de montaña un espectáculo que traerá a grandes do humor de Galicia como son Manquiña, Marta Doviro e Luis Zahera. A cita será no Pavillón de deportes o vindeiro día 11 de decembro.
Será unha gran xornada de comedia que empezará xa pola mañá, concretamente ás 11:30 horas coa apertura de portas e posterior actuación de Airiños da Porta Falsa. Ás 14:00 h. terá lugar un xantar popular (con menú adulto e infantil) e a continuación o gran espectáculo de comedia.
Polo escenario pasarán Marta Doviro, Luis Zahera e Manuel Manquiña, acompañados para a ocasión da banda Os Fabulosos Weekend, grupo que dará un complemento espectacular ás actuacións humorísticas. Segundo indican da organización, a duración roldará os 120 minutos.
Pero non remata aí a cousa, os artistas estarán a disposición do público para poder fotografarse con eles e no escenario pechará a gran xornada de humor o grupo local SkaloPondras. Tamén, nese momento, terá lugar o sorteo dun xamón de Porco Celta e unha cesta de produtos da zona. Atentos e atentas á numeración da entrada!
As entradas están dispoñibles en diferentes localidades da contorna e os prezos son os seguintes: comida + actuacións (35 euros), só as actuacións (20 euros). Para os pequenos e pequenas menores de 12 anos (8 euros). As entradas en billeteira custarán 25 euros e serán só para as actuacións.