Axudas para fomentar a creación de empresas en Monforte
- O Equipo de Goberno de Monforte as concede por quinto ano consecutivo
- O prazo para solicitar as subvencións estará aberto dende mañá e ata o 30 de novembro, unha vez foi publicada hoxe a convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Lugo
- A contía destinada para estas subvencións ascende a 30.000 euros, e o importe máximo de cada axuda será de 1.500 euros. Esta cantidade poderá incrementarse nun 25% no caso de que a persoa beneficiaria sexa muller ou unha persoa con discapacidade
- O Alcalde destaca que este Programa de axudas municipais á creación de empresas do Concello de Monforte de Lemos “contribúe a fixar poboación en Monforte, propiciando un crecemento e desenvolvemento sostibles, promovendo a creación de emprego estable e de calidade a nivel local e facilitando a empregabilidade das persoas en situación de desemprego”
O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de anunciar que, “por quinto ano consecutivo, o Concello de Monforte lanza o Programa de axudas municipais á creación de empresas do Concello de Monforte de Lemos, coa finalidade de colaborar dunha forma activa na xeración de emprego no noso municipio, apoiando e fomentando a posta en marcha de novos proxectos e iniciativas empresariais”.
Esta convocatoria enmárcase no programa “Promoción do emprego, ano 2021” do Equipo de Goberno do Concello, que ten como obxectivo principal contribuír a fixar poboación en Monforte e propiciar un crecemento e desenvolvemento sostibles, promovendo a creación de emprego estable e de calidade a nivel local e facilitando a incorporación das persoas en situación de desemprego ó mercado laboral.
O prazo para solicitar as subvencións estará aberto dende mañá día 17 e ata o 30 de novembro, logo de que fora publicada hoxe a convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Lugo.
As solicitudes poderán presentarse, mediante modelo normalizado, no Rexistro Xeral do Concello, na Sede Electrónica municipal ou por calquera outro medio previsto pola Lei de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, e dirixiranse á Concellería de Facenda, Réxime Interior, Servizos Sociais e Discapacidade do Concello de Monforte de Lemos.
Beneficiarios e contías das axudas
A estas axudas poderán acollerse os empresarios individuais e as pequenas e medianas empresas (PEME) que comezaran a súa actividade entre o 1 de novembro de 2020 e o 31 de outubro de 2021. Para elo, entenderase como inicio de actividade a alta no IAE.
A contía prevista para estas subvencións ascende a 30.000 euros, e o importe máximo de cada axuda será de 1.500 euros, non podendo superar o 50% dos gastos efectuados no período indicado. Cómpre destacar que esta cantidade poderá incrementarse nun 25% no caso de que a persoa beneficiaria sexa muller ou unha persoa con discapacidade.
Para poder solicitar estas subvencións, entre outros aspectos, os solicitantes deberán ter o seu enderezo fiscal e social en Monforte, a actividade empresarial ten que ser de nova creación, as persoas promotoras deben estar en situación de desemprego na data de inicio da actividade empresarial e crear, polo menos, o seu propio posto de traballo.
Por outra parte, os autónomos poderán ser beneficiarios das axudas cando formen parte dunha comunidade de bens, Sociedades Civís ou constitúan unha Sociedade Mercantil.
Todos os detalles das bases poden consultarse na páxina web do Concello de Monforte.
Gastos subvencionables
A finalidade do Programa de axudas municipais á creación de empresas do Concello de Monforte é subvencionar parte dos gastos da posta en marcha e do funcionamento da empresa durante os primeiros meses da actividade. Deste xeito, os gastos que poderán ser subvencionables corresponderán aos realizados dende dous meses antes do inicio da actividade ata a data límite de presentación das solicitudes.
En concreto, os gastos subvencionables por este Programa son:
- Gastos de constitución: serán subvencionables o 50% dos seguintes gastos xerados no proceso de apertura e constitución da empresa: Visado, honorarios e gastos de proxectos técnicos; alta no Rexistro Mercantil.
- Existencias iniciais de mercadorías: serán subvencionables o 50% da adquisición de primeiras compras de mercadorías, de materias primas e doutros consumibles utilizados no proceso de produción.
- Gastos de aluguer de local, do vehículo industrial, de aplicacións informáticas e de equipos informáticos: serán subvencionables o 50% dos gastos de aluguer sempre que o elemento alugado sexa imprescindible para a realización da actividade da empresa.
- Primas de seguros: serán subvencionables o 50% dos gastos da contratación de seguros directamente relacionados coa actividade da sociedade (seguro do local, de responsabilidade civil e, como máximo, dun vehículo, só no caso de que sexa imprescindible para o desenvolvemento da súa actividade).
- Subministracións e gastos correntes: serán subvencionables o 50% dos seguintes gastos correntes derivados directamente da realización da actividade empresarial: Auga, teléfono, electricidade, gasóleo/gasolina, material de oficina, asesoría (só cotas mensuais), gas, equipos de seguridade nas súas instalacións (só cotas mensuais).
Entenderase que son gastos directamente derivados da actividade empresarial aqueles nos que os impostos indirectos, particularmente o IVE, que graven as prestacións de servizos ou entregas de bens para os beneficiario podan ser obxecto de compensación.
Queda excluído destas axudas calquera outro gasto non incluído expresamente nos conceptos subvencionables anteriormente relacionados, e en ningún caso se considerarán gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, nin os impostos persoais sobre a renda.