Raid Gallaecia-AR World Championship 2021

  • O campionato do mundo de aventura atravesará 21 concellos ourensáns nunha edición récord con preto de 100 equipos de 27 países
  • No balneario de Laias, onde se presentou hoxe esta proba, o presidente da Deputación destacou que a inclusión da provincia nun campionato mundial “de altísimo nivel e cos mellores deportistas demostra que o noso territorio é a plataforma perfecta para seguir implantando un ecosistema de turismo deportivo”
  • Dos 630 quilómetros dos que consta a carreira, 260 discorrerán por terras ourensáns “e xa tiñamos ganas porque sen dúbida é a provincia máis potente e cos mellores escenarios para o deporte”, dixo Pablo López, director da proba

 

Preto de 100 equipos con case 400 deportistas procedentes de 27 países dos continentes europeo, americano e euroasiático competirán do 2 ao 9 de outubro na Raid Gallaecia-AR World Championchip 2021, nunha edición récord en canto a participación na historia das carreiras de aventura e onde Ourense vai ter un especial protagonismo, xa que dos 630 quilómetros dos que consta a proba 260 discorrerán por 21 concellos da provincia. Así quedou reflectido na presentación do campionato do mundo de aventura celebrada hoxe no balneario de Laias, coa presenza do presidente da Deputación, Manuel Baltar; o director técnico da carreira, Pablo López; os alcaldes da Rúa, Álvaro Fernández; da Peroxa, Manuel Seoane; e Cenlle, José Manuel Rodríguez; ademais do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén. 

Manuel Baltar destacou que a inclusión da provincia nun campionato mundial “de altísimo nivel e cos mellores deportistas nesta especialidade demostra que o noso territorio é a plataforma perfecta para seguir implantando un ecosistema de turismo deportivo do que tanto falamos, pero que non é novo”. Esta proba, dixo, “e un paso máis nesa estratexia que iniciamos hai anos e que agora podemos dicir que está plenamente consolidada”, destacando que no balneario de Laias, onde se presentou o campionato, “comezamos a desenvolver esta filosofía de traballo atraendo a destacadas seleccións mundiais de remo e piragüismo para preparar os campionatos máis importante do mundo e ata os xogos olímpicos, e froito dese traballo de novo a estación de montaña de Manzaneda volverá a ser eixo deportivo”. 

 

Pablo López agradeceu ao presidente provincial “o interese que desde o primeiro momento mostrou por un campionato ao que lle puxemos a etiqueta de carreira do reencontro, logo das limitacións impostas durante o período máis duro da pandemia”. Esta é a primeira vez que o campionato chega a Ourense, apuntou, “e xa tiñamos ganas porque sen dúbida é a provincia máis potente e cos mellores escenarios para o deporte”. Aínda que o trazado da proba permanecerá en segredo ata horas antes do inicio, López avanzou que os deportistas entrarán na provincia o sábado 2 de outubro por Valdeorras, atravesarán parte do macizo central pola serra de Queixa ata a estación de montaña de Manzaneda, descenderán en kaiak polos ríos Sil e o Miño ata o Ribeiro e continuarán en bicicleta. 

A importancia da Raid Gallaecia-AR World Championchip 2021 tamén está avalada pola presenza de 8 dos 10 primeiros clasificados do ranking mundial das Adventure Racing World Series (ARWS) 2021. O evento conxugará orientación, aventura e resistencia nun percorrido de máis de 600 quilómetros nas disciplinas de trail, bicicleta de montaña, kaiak de mar e río, coastering e cordas.  

A carreira, que atravesará as provincias da Coruña, Lugo e Ourense e máis de 50 concellos, sairá de Monforte de Lemos e terá a meta na capital herculina, pechando as ARWS, a carreira que outorga o título de campión do mundo. O   ARWC 2021 conta coa inscrición de 94 equipos, o que supón 376 deportistas, procedentes de 21 países: España (35), Francia (13), Suecia (8), Estados Unidos (6), Gran Bretaña e Polonia (4), Colombia e Dinamarca (3), Bélxica, #Ecuador, Estonia, República Checa e Rusia (2), Alemaña, Brasil, Finlandia, Irlanda, Israel, Italia, México e Países Baixos (1). Ademais, como os equipos poden contar cun corredor doutra nacionalidade, a lista de países que estarán representados amplíase ata os 27, pois participarán atletas de seis nacións máis: Arxentina, Canadá, Letonia, Nova Zelandia, Suíza e Ucraína. 

O tempo estimado do gañador é de ao redor de 90 horas (4 días) e a carreira seguirá aberta ata as 168 horas, pois a meta pechará o sábado, 9 de outubro, ás 12.00 horas, xusto unha semana despois de efectuarse a saída.

También te podría gustar...