Novas datacións mudan a interpretación do monumento de Santalla de Bóveda
- Aínda que ten orixe tardorromana no século IV, o edificio sufriu a partir do século VII importantes reformas que transforman a súa fisionomía
Un equipo interdisciplinar das universidades da Coruña e Santiago de Compostela conseguiu determinar, a través dunha combinación de diferentes metodoloxías arqueolóxicas, xeolóxicas e xeocronolóxicas, as principais fases construtivas do monumento de Santalla de Bóveda (Bóveda, Lugo), unha das edificacións máis senlleiras e enigmáticas do noroeste peninsular. Sobre a súa función e cronoloxía existe un continuo debate entre expertos desde principios do século XX. Rebeca Blanco-Rotea, investigadora do Grupo de Investigación Síncrisis da Universidade de Santiago e directora arqueolóxica do proxecto financiado pola Fundación Palarq, presentou esta mañá as conclusións deste estudo interdisciplinar, pioneiro en Europa no seu alcance, no Museo Provincial de Lugo. Blanco-Rotea estivo acompañada de Maite Ferreiro Tallón, vicepresidenta da Deputación de Lugo, Encarna Lago, Xerente da Rede Museística Provincial de Lugo e Aurelia Balseiro, directora do Museo Provincial de Lugo. Pola tarde, xunto ao coordinador do estudo cronolóxico, Jorge Sanjurjo-Sánchez, e outros membros do equipo impartirán unha charla explicando os resultados.
Unha nova lectura dun edificio singular
Desde a segunda década do século XX, o templo de Santalla de Bóveda ten sido obxecto de todo tipo de interpretacións históricas que tentaban explicar a singularidade e orixe dun monumento único no noroeste peninsular e con escasos paralelos en Europa occidental. Da relevancia do monumento dá conta que xa foi declarado Monumento Nacional en 1931 e Ben de Interese Cultural en 1996. A interpretación máis estendida sobre a súa función é a de que se trata dun templo pagán de época romana, posteriormente reconvertido ao culto cristián. A partir desta asociación de Bóveda cun espazo relixioso romano, téñense interpretado os seus elementos decorativos, como os frescos interiores ou os relevos da entrada, desde unha perspectiva da relixión e mitoloxía romanas.
As novas datacións permitiron determinar que o monumento en realidade pasou por tres fases principais. A fundación do edificio visible hoxe en día corresponde á época romana baixo imperial (na segunda metade do século IV d. C.), na liña do argumentado por diversos investigadores ata hoxe.
Porén, as datacións obtidas tamén revelan que as famosas pinturas da bóveda da aula subterránea que sostén o edificio son ben posteriores á época romana. Realizáronse no século VII, durante o dominio xermánico de Gallaecia. Convértense, así, na máis destacada mostra da escasa pintura cristiá tardoantiga e altomedieval do noroeste peninsular e pode mesmo ser un precedente da pintura prerrománica mural asturiana. As datacións tamén sinalan que Santalla de Bóveda conta cunha importante fase de desenvolvemento altomedieval: a bóveda da planta superior foi construída entre os séculos X e XI, nun momento de especial desenvolvemento económico e político do reino de Galicia. Esta cronoloxía coincide con otras datacións obtidas en varias iglesias altomedievais galegas. Posteriormente a estas datas, producíronse outras reformas e accións de mantemento no edificio.
Desde un punto de vista histórico, os resultados deste proxecto de investigación abren novas incógnitas e preguntas ao redor da construción e reconstrución de Santalla de Bóveda e a súa relación cos poderes e a relixiosidade da primeira Idade Media galega. Nese sentido, obrigan a repensar as orixes do edificio e a súa transformación.
Unha combinación de técnicas pioneira
Os achados puideron ser realizados grazas a unha combinación de técnicas do ámbito da Arqueoloxía da Arquitectura: desde a lectura detallada dos paramentos realizada pola arqueóloga Rebeca Blanco-Rotea e o equipo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e do Incipit-CSIC ata a análise dos morteiros e material cerámico dos muros levado a cabo polo investigador Jorge Sanjurjo-Sánchez, da Universidade da Coruña (UdC), ou o estudo petrográfico por parte de David Freire-Lista da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (UTAD) e do Centro de Geociencias da Universidade de Coimbra (CGeo). Recolleuse a elevada cifra 25 mostras de morteiro e tixolos de diferentes puntos do monumento e dos restos conservados no Museo Provincial de Lugo da bóveda central, hoxe desaparecida, no 2007 e 2020. As mostras datáronse por Luminiscencia Opticamente Estimulada (OSL) e Termoluminiscencia (TL) no Instituto de Xeocronoloxía da Universidade da Coruña. A OSL é unha técnica de análise por luminiscencia que permite datar os áridos dun morteiro sen necesidade de que exista materia orgánica, como era imprescindible no ámbito da arqueoloxía ata hai pouco tempo. A OSL permite coñecer cando o cuarzo que constitúe o árido dun morteiro estivo exposto á luz do sol por última vez, momento no cal comézase a contar o tempo de fabricación dese morteiro ou tixolo ata a actualidade.
As datacións das últimas mostraxes foron complementadas e contrastadas con outra técnica xa máis coñecida: o Carbono 14, mais analizando dous tipos de materia: carbón e carbonato. A partir de carbóns localizados nos muros e da separación do ‘carbonato arqueolóxico’ dos morteiros, un laboratorio norteamericano externo, ICA (Florida), obtivo tamén datacións que constataron a coherencia dos resultados entre os dous tipos de mostras e os dous laboratorios. A metodoloxía científica empregada e o volume de mostras analizado converten a Santalla de Bóveda nunha referencia internacional pioneira na combinación destas novas técnicas de datación de edificios. As mostras de morteiro foron caracterizadas con microscopía óptica de polarización e difracción de raios X, o que permitiu identificar os materiais utilizados en cada unha das fases construtivas.
Esta estratexia foi posible grazas á obtención dunha axuda da Fundación Palarq que permitiu desenvolver o proxecto “Cronología de las iglesias altomedievales de Santalla de Bóveda y San Breixo de Ouvigo” do que é Investigador Principal Jorge Sanjurjo-Sánchez, cuxa dirección arqueolóxica corresponde a Rebeca Blanco-Rotea, e no que participan José Carlos Sánchez Pardo (USC) e David Martín Freire-Lista (UTAD e CGeo).
Investigadoras con ampla traxectoria
Rebeca Blanco-Rotea e investigadora posdoutoral da Universidade de Santiago de Compostela no Grupo de Investigación Síncrisis onde desenvolve actualmente o seu proxecto “Arquitecturas da paisaxe e do cambio” financiado por unha Axuda de apoio á etapa de formación posdoutoral da Xunta de Galicia – Modalidade B 2019. A súa traxectoria profesional desenvolveuse entre a USC, o CSIC e a Universidade do Minho, centrándose, dun lado, no estudo das arquitecturas e paisaxes altomedievais e, doutro, das paisaxes fortificadas da Idade Moderna. Xunto a Jorge Sajurjo-Sánchez e, posteriormente, a José Carlos Sánchez-Pardo da USC desenvolveron varios proxectos que tiveron por obxectivo a datación absoluta de diferentes arquitecturas, fundamentalmente eclesiásticas, en Galicia. As orixes destes traballos estiveron no proxecto arqueolóxico desenvolvido en Santalla de Bóveda no 2007 no contexto da restauración da bóveda alta da man de César Portela, liderado por esta investigadora e Rosa Benavides García.
Jorge Sanjurjo Sánchez é Profesor Titular da Área de Xeodinámica Externa do Departamento de Física e Ciencia da Terra e investigador do Instituto Universitario de Xeoloxía «Isidro Parga Pondal» da Universidade da Coruña. É responsable do Laboratorio de Datación por Luminiscencia da UDC. Este laboratorio é un dos poucos no mundo que ten desenvolvido nos últimos 10 anos a aplicación da técnica de luminiscencia para datar morteiros antigos. Só outros tres laboratorios no mundo (Burdeos, Milán e Catania) desenvolveron procedimentos semellantes e aplican actualmente esta técnica. Participou en numerosos proxectos para a datación de morteiros en mundo, mais cunha importante actividade no caso de Galicia. Actualmente é o IP do proxecto “Cronología de las iglesias altomedievales de Santalla de Bóveda y San Breixo de Ouvigo” da Fundación Palarq.
David Martín Freire-Lista é investigador postdoutoral do Centro de Geociencias da Universidade de Coimbra (Portugal). Membro directivo da subcomisión Heritage Stone pertencente á Unión Internacional de Ciencias Xeolóxicas (IUGS) e a Asociación Internacional de Enxeñaría de Xeoloxía e Medio Ambiente (IAEG). O seu traballo céntrase na caracterización petrográfica e petrofísica aplicada á conservación e restauración de xeomateriais utilizados no patrimonio, así como a localización de canteiras históricas e posta en valor do patrimonio construído. A súa traxectoria profesional desenvolveuse entre a Universidade Complutense de Madrid e o grupo de Petroloxía Aplicada á Conservación do Patrimonio do Instituto de Geociencias do CSIC (2008-2018), entre outras institucións internacionais como o College of London University de Qatar, University of Texas at Austin ou a Universitá della Calabria, en Italia.