“Pódese previr o dano cerebral?”, charla en Monforte
- FEGADACE celebrará o vindeiro luns en Monforte unha charla sobre a prevención do daño cerebral adquirido
- A Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro, acollerá esta ponencia baixo o título “Pódese previr o dano cerebral?” e correrá a cargo de Carla Miranda, traballadora social desta Asociación
- O Concello de Monforte colabora novamente con esta Asociación, logo de que a sala de exposicións da Casa da Cultura acollera, ata o pasado 15 de setembro a exposición “Punto e seguido. A vida despois do dano cerebral adquirido”
- A charla celebrarase este luns 20 de setembro a partir das 17:30 horas e vai estar centrada na prevención dos traumatismos cranioencefálicos derivados de distintos riscos asumidos no Camiño de Santiago: accidentes de tráfico, golpes, contusións e caídas
O Concello de Monforte colabora novamente coa Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) para a celebración dunha charla arredor da prevención do dano cerebral adquirido.
Trátase dunha ponencia que será impartida pola traballadora social de FEGADACE, Carla Miranda, baixo o título “Pódese previr o dano cerebral?”, e que terá lugar no salón de actos da Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro de Monforte o vindeiro luns 20 de setembro ás 17:30 horas.
A prevención do dano cerebral é unha preocupación transversal para FEGADACE. Esta discapacidade, que afecta a máis de 35.000 persoas en Galicia, non se pode evitar, pero si se pode previr incidindo nas súas causas. O risco de ictus e traumatismos por accidentes ou golpes pode minimizarse se se teñen en conta os consellos da Federación Galega de Dano Cerebral.
Esta charla inclúese dentro de “Camiñando polo dano cerebral”, un proxecto impulsado por FEGADACE no marco do programa O Teu Xacobeo, financiado pola Xunta de Galicia e o Xacobeo 2021-2022 e que conta coa colaboración do Concello de Monforte de Lemos.
O Camiño de Santiago é o escenario de moitas situacións de risco, especialmente de traumatismos cranioencefálicos, pero tamén é unha oportunidade fantástica para incorporar hábitos saudables, sobre todo a nivel de actividade física, cos que reducir o risco de ictus. Por iso a primeira iniciativa que lanza FEGADACE dentro de ‘Camiñando polo dano cerebral’ é un vídeo dirixido a todas as visitantes que chegan a Compostela a pé ou en bicicleta.
Dirixida a peregrinos e peregrinas, así como a toda a poboación local encargada da súa atención e recepción, e veciñanza en xeral, esta actividade informativa vai estar centrada na prevención dos traumatismos cranioencefálicos derivados de distintos riscos asumidos no Camiño de Santiago: accidentes de tráfico, golpes, contusións e caídas.
Tamén se falará sobre o ictus, dado que o exercicio físico realizado ao camiñar ou pedalear é un hábito moi saudable que, combinado con outros, axuda á prevención do que é a principal causa do dano cerebral adquirido.
A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)
FEGADACE constituíuse en 2007 polas cinco asociacións de dano cerebral que traballan en Galicia: ADACECO na Coruña, ADACE en Lugo, Alento en Vigo, Renacer en Ourense e Sarela en Santiago. Xuntas representan a case 2.000 familias.
O seu obxectivo é contar cunha plataforma común de interlocución, coordinación e divulgación das necesidades do colectivo de persoas con dano cerebral adquirido, unha discapacidade que afecta a máis de 35.000 persoas en Galicia e que está causada case sempre por un ictus (78% dos casos) ou un traumatismo cranioencefálico provocado por un accidente de tráfico.