COGAMI invita a notificar incidencias de accesibilidade

  • Semana Europea da Mobilidade: COGAMI invita a notificar incidencias de accesibilidade na contorna e no acceso a recursos sociosanitarios
  • A través da aplicación AccesibilidApp, que está dispoñible en Android e iOS, é posible a participación da cidadanía na recollida de incidencias que atopen na súa contorna
  • Dende que este aplicativo móbil está en funcionamento, rexistráronse 300 incidencias, das que o 39% xa foron trasladadas por COGAMI aos organismos competentes para a súa solución

Unha persoa recolle unha incidencia de accesibilidade no aplicativo

 

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) únese á Confederación Española de Personas con Discapacidad Física y Orgánica (COCEMFE) na conmemoración da Semana Europea da Mobilidade que se celebra do 16 ao 22 de setembro. Baixo o lema Pola túa saúde, móvete de maneira sostible, COGAMI e COCEMFE celebran esta semana animando á xente a que recolla incidencias a través da ferramenta tecnolóxica `AccesibilidApp´, co fin de que as nosas vilas e cidades sexan máis habitables, seguras e sostibles para a cidadanía.

Dende este aplicativo, que se pode descargar e instalar en calquera dispositivo móbil, chegaron a recollerse un total de 299 incidencias dende a súa posta en marcha hai dous anos. O transporte e a falta de accesibilidade na deambulación son as temáticas que máis se denuncian a través desta APP, seguidas das condicións do mobiliario e das prazas de aparcadoiro reservadas.

Unha vez recollidas estas incidencias, dende COGAMI son analizadas e trasladadas aos organismos competentes para poñelas no seu coñecemento, co fin de poder solucionalas na maior brevidade de tempo. Ata o de agora, dende a Confederación foron trasladadas, comunicadas e tratadas 118 destas incidencias.

Con respecto aos lugares de procedencia, os concellos de Santiago de Compostela con 123 incidencias recollidas, Silleda con 56, A Coruña con 27, Ames con 24 e Cambados con 23, son os municipios que contemplan o maior número de incidencias aportadas polas persoas que teñen a aplicación  ‘AccesibilidApp’ instalada no seu dispositivo móbil.

Na medida en que os transportes, contornas e servizos sexan accesibles a todas as persoas, as comunidades serán máis inclusivas, seguras e saudables para toda a cidadanía, reducindo as desigualdades. Para isto, dende COGAMI e COCEMFE quérese implicar a toda a sociedade na recollida de incidencias con ‘AccesibilidApp’ relacionadas coa falta de seguridade e accesibilidade na contorna e no acceso aos recursos sociosanitarios.

Anxo Queiruga, presidente de COGAMI, fai un chamamento sobre a necesidade de que os centros de atención sociosanitaria sexan accesibles para que o grupo social das persoas con discapacidade sexa tratado en igualdade de condicións, “para que poidamos acudir a servizos, terapias e actividades que tan prexudicadas se viron durante a pandemia e que son fundamentais para o mantemento do noso estado de saúde e para que teñamos unha calidade de vida digna”, explica.

‘AccesibilidApp’ é unha web-aplicación dispoñible en Android e iOS, de uso aberto, gratuíto e ao que se poden sumar todos os concellos e entidades que queiran avanzar na accesibilidade universal, xestionando todas as incidencias detectadas e, por parte da cidadanía, participando na detección de barreiras. Desenvolvida por COCEMFE, co apoio de Fundación Vodafone España, esta aplicación foi financiada a través do 0,7% do IRPF.

 

También te podría gustar...