Campamentos de verán: recursos de conciliación estival seguros
- O delegado territorial subliñou que o obxectivo final é garantir que as familias poidan estar tranquilas levando aos seus pequenos ás actividades da Campaña de Verán da Xunta por ser unha aposta segura de conciliación
- Gabriel Alén sinalou que nestas instalacións os mozos e mozas desenvolverán actividades de teatro e aventura na natureza, dramatización, expresión corporal e desinhibición, obradoiros de formación, ensaios e propostas teatrais, técnicas de circio, malabares e equilibrio, e diversos deportes acuáticos como xogos e dinámicas deportivas que se executarán na piscina
- Baixo o lema “O verán que mereces”, a programación estival da Xunta ofrecerá desde xullo e ata setembro unha oferta de ocio seguro, que inclúe probas de antíxenos gratuítas para participantes e monitores, entre outras medidas de protección
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou onte, acompañado do alcalde de Entrimo, Ramón Alonso, o campamento xuvenil ‘Penedos de Xacinto’; unha instalación emprazada no lugar Cabeza da Vella, na que a Consellería de Política Social ven de investir 72.000 euros na mellora das instalacións e adquisicións de equipamentos, que dispón de pista polideportiva, salón de actividades, rocódromo, anfiteatro, alpendre cuberto e enfermaría. Trátase dun campamento de montaña, con abundante arboredo, zonas verdes e xardíns cun capacidade de 100 prezas para tendas de campaña.
O delegado territorial subliñou que “con campamentos como este Galicia segue a ofrecer aos mozos e mozas e ás súas familias recursos de conciliación estival no marco dunha programación activa e formativa”. Para o delegado territorial,
o obxectivo final é garantir que as familias poidan estar tranquilas levando aos seus pequenos ás actividades da Campaña de Verán da Xunta por ser unha aposta segura de conciliación.
Gabriel Alén destacou a importante oferta de ocio e tempo libre, sempre vinculada á educación non formal, que oferta a comunidade durante a tempada estival, entre campamentos, campos de voluntariado e outras actividades, e resaltou a importancia de desenvolver este tipo de estadías nas que os participantes gozan dunha programación de lecer educativo e tempo libre de primeiro nivel e nas que ao mesmo tempo, crecen persoalmente e coñecen a mozas e mozos que residan na comunidade autónoma.
Neste campamento participan un total de 50 mozas e mozos de idades comprendidas entre os 09 e 12 anos. Durante unha semana desenvolverán actividades de teatro e aventura na natureza, dramatización, expresión corporal e desinhibición, obradoiros de formación, ensaios e propostas teatrais, técnicas de circio, malabares e equilibrio, e diversos deportes acuáticos como xogos e dinámicas deportivas que se executarán na piscina.
Baixo o lema “O verán que mereces”, a programación estival deseñada pola Xunta de Galicia ofrecerá desde xullo e ata setembro unha oferta de ocio seguro, na que se manterán as medidas de protección aplicadas durante a pasada edición, como a redución do aforo, o incremento do número de monitores, o reforzo das medidas de desinfección e limpeza ou a adaptación das actividades ás normas hixiénico-sanitarias. Ademais, este ano inclúense probas de antíxenos completamente gratuítas para todos os participantes e monitores antes do inicio de cada campamento.