Primeira marcha cicloturista pola Ribeira Sacra
- O evento “A Ribeira Sacra Cycling Road”, que conta co apoio da Axencia de Turismo de Galicia e que foi presentado onte no Parador de Santo Estevo de Ribas de Sil, permitirá aos participantes gozar da beleza natural e paisaxística que ofrece unha das zonas máis emblemáticas da nosa provincia
- O padriño desta primeira edición será Abraham Olano, campión do mundo no ano 1995 e tamén gañador de La Vuelta España
- A proba transcorrerá polos municipios de Nogueira de Ramuín, O Pereiro de Aguiar, Esgos, Xunqueira de Espadanedo, Parada de Sil, Montederramo e A Teixeira
- Os participantes poden escoller entre tres posibles percorridos: o gran fondo de 115 quilómetros, medio fondo de 100 quilómetros e o mini fondo de 65 quilómetros, e ademais haberá un tramo cronometrado
O Inorde organiza, co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, a primeira marcha cicloturista “A Ribeira Sacra Cycling Road”, que levará aos participantes da proba a gozar da beleza paisaxística e natural que ofrece unha das zonas máis emblemáticas da nosa provincia: a Ribeira Sacra. O padriño desta primeira edición será Abraham Olano, campión do mundo no ano 1995 e tamén gañador de La Vuelta España.
A presentación deste evento deportivo tivo lugar onte no Parador de Santo Estevo de Ribas de Sil, acto no que participou o presidente e a xerente do Inorde, Rosendo Fernández e Emma González, respectivamente; o xefe territorial da Vicepresidencia 1ª da Xunta, Manuel Pardo; o alcalde e o concelleiro de Cultura de Nogueira de Ramuín: César Parente e Raúl Soto, respectivamente; o alcalde de Esgos, Mario Rodríguez; o alcalde do Pereiro de Aguiar, Luis Menor; o alcalde da Teixeira, Miguel Cid; o director técnico da proba, Serafín Martínez; e os representantes da Garda Civil, Damián Novoa e Juan Manuel Soto.
O presidente do Inorde dixo que con esta primeira edición da “A Ribeira Sacra Cycling Road” pretendemos “dar a coñecer e divulgar a riqueza natural e patrimonial desta zona”, afirmando que a proba reunirá o vindeiro 12 de setembro “natureza, patrimonio, viticultura e deporte, nun escenario sen parangón como é o corazón da Ribeira Sacra”. Rosendo Fernández lembrou que este evento forma parte do convenio asinado entre o Inorde e a Axencia de Turismo de Galicia para colaborar entre ambas entidades na realización de diversas actividades de dinamización turística da provincia de Ourense.
No acto, que estivo conducido polo presentador de Deportes da TVG, Terio Carrera, participaron membros do equipo Atum-General Tavira: Gustavo César Veloso, Alex Marque, Samuel Blanco e Álvaro Trueba, que están en Manzaneda preparándose para A Volta a Portugal; así como o deportista Carlos Canal do equipo Burgos BH, o único profesional ourensán que podería correr en La Vuelta España.
O evento deportivo, que percorrerá os municipios de Nogueira de Ramuín, O Pereiro de Aguiar, Esgos, Xunqueira de Espadanedo, Parada de Sil, Montederramo e A Teixeira, ofrece aos participantes tres posibles percorridos para poder adaptala a todos os públicos: gran fondo de 115 quilómetros e +2700 metros de desnivel; medio fondo de 100 quilómetros e +2200 metros de desnivel; e o mini fondo de 65 quilómetros e +1400 metros de desnivel. Esta proba, de carácter non competitivo, terá lugar o día 12 de setembro, sendo a saída da mesma ás 9.30 horas, na localidade de Luintra, no Concello de Nogueira de Ramuín.
O tráfico estará controlado, pero aberto, polo que os participantes deberán respectar as normas vixentes de circulación. Ademais, durante toda a marcha cicloturista deberán circular polo carril dereito. “A Ribeira Sacra Cycling Road” conta cun tramo cronometrado con circulación libre que incluirá a última subida, con ramplas do 24%. Así mesmo, os tres primeiros de dito tramo recibirán un premio especial.