Unha nena con síndrome de Down e o entroido de Ourense protagonizan o filme de animación Valentina
- O presidente da Deputación, Manuel Baltar, e a produtora Chelo Loureiro asinaron un protocolo de colaboración para a rodaxe da película, que prevé estrearse este ano no Festival de Cine de Ourense
“Valentina é unha nena con síndrome de Down que vivirá unha aventura, como calquera outro neno, pero no caso dela, a súa avoa desaparece e terá que ir na súa busca por diferentes lugares de Galicia”. Así define a produtora Chelo Loureiro o argumento da película de animación que terá como escenario protagonista á provincia de Ourense e que se está a rodar estes días coa previsión de poder estrearse na vindeira edición do Festival de Cine de Ourense (OUFF).
“É un filme infantil de ámbito internacional que pon de relevo valores como a solidariedade, a amizade e as nosas tradicións, entre as que destaca o entroido de Laza”, explica Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, quen asinou coa produtora un protocolo de colaboración para apoiar economicamente este proxecto audiovisual “co que Ourense abre unha nova vía no cinema de animación”.
Traxectoria
O presidente do goberno provincial destacou “a profesionalidade e a traxectoria de Chelo Loureiro, quen xa estivo nominada aos “Goya” en varias ocasións, e estamos seguros de que Valentina vai a ser un produto cultural verdadeiramente relevante e un éxito de crítica e de taquilla, e para a Deputación de Ourense supón unha innovación apoiar unha longametraxe de animación”, remarcou Baltar, engadindo que desde o goberno provincial “seguimos potenciando o sector audiovisual e unindo Ourense coa sétima arte, tendo en conta a nosa aposta fundamental: o Festival de Cine, que este ano celebra a súa 26ª edición”.
Rodaxe
Chelo Loureiro explicou que prevé rematar a rodaxe no mes de maio, e sobre a temática destacou o protagonismo que terá un dos elementos representativos do entroido ourensán: o Peliqueiro de Laza, “do cal Valentina terá unha máscara na súa habitación, lugar onde ocorrerán moitas cousas”. “Trátase dunha película universal pero que respira Galicia polos catro costados”, expresa a produtora, quen agradeceu a proactividade e o apoio do presidente Baltar e da Deputación a este proxecto, onde Galicia e, sinaladamente, Ourense “estarán representadas de maneira que se poidan recoñecer en calquera parte do mundo”, sinala Chelo Loureiro. Valentina é unha película de animación 2D e 3D, escrita por Lúa Testa e Chelo Loureiro e dirixida por esta última.